O PSdeG exixe máis protección e reinserción laboral para as vítimas da violencia de xénero

O PSdeG, no debate sobre violencia de xénero Dominio Público @JSE

O PSdeG insta a Xunta e o Goberno central a "cumprir a lei vixente" en materia de violencia de xénero e recuperar as iniciativas impulsadas polo PSOE para a "prevención, protección e reinserción laboral das mulleres vítimas desta lacra".

Os socialistas galegos celebran este sábado en Santiago a segunda xornada do debate Violencia de xénero. Dez anos despois, no marco dun ciclo de mesas redondas iniciado en outubro para falar da importancia desta lei integral e do avance que supuxo, así como denunciar "os atrasos que se están levando a cabo por parte dos gobernos do PP".

"Para que unha lei funcione, o Goberno ten que crer nela e presupostar os fondos necesarios", di o PSdeG

"Para que unha lei funcione, o Goberno ten que crer nela e presupostar os fondos necesarios", asegurou na inauguración da xornada a secretaria de Igualdade da Executiva do PSdeG, Eva Martínez. "Co obxectivo de conmemorar este dez anos desde a aprobación da lei, así como de destacar o avance que supuxo nos dereitos das mulleres, estamos a promover unha serie de iniciativas dirixidas a informar, analizar e, en definitiva, situar como cuestión de máxima prioridade a violencia contra as mulleres e a súa erradicación", explicou.

Segundo indicou, á marxe de demandar ao PP o cumprimento da lei estatal, os socialistas galegos presentaron no Parlamento de Galicia hai uns días emendas aos Orzamentos da Xunta para 2015 en materia de Igualdade por un importe de case un millón de euros.

Os socialistas emendaron os Orzamentos para que se inclúan partidas destinadas a incrementar a presenza das mulleres no ámbito laboral

Entre as modificacións que expoñen nestas contas, o PSdeG destacou unha serie de partidas destinadas a incrementar a presenza das mulleres no ámbito laboral, facendo especial fincapé no cooperativismo que, no caso de Galicia "é de especial importancia no ámbito rural".

Nas diferentes mesas redondas deste venres participan deputadas socialistas, avogadas, psicólogas, médicas forenses e policías. Pola tarde, ás 20,00 horas, as mocidades do PSOE e as do PSdeG entregarán os Premios Violeta, nun acto ao que asistirá o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro.

O PSdeG, no debate sobre violencia de xénero Dominio Público @JSE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.