O PSdeG reclama de "Non somos cidadáns de segunda" e demanda sanidade de calidade en Lugo

Sinatura do manifesto © PSdeG-PSOE

Unha representación de 40 alcaldes, alcaldesas, voceiros e voceiras do PSdeG na provincia de Lugo, encabezada polo presidente da Deputación e secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este marte na sede do partido o manifesto Non somos cidadáns de segunda, no que reclaman os servizos de Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear para o HULA, ademais dunha sanidade pública de calidade na provincia. O documento será introducido no rexistro da Xunta “para coñecemento do seu presidente, e para que as reclamacións multitudinarias dos e das profesionais da sanidade e dos veciños e veciñas de Lugo sexan tratadas como o que deben ser: unha prioridade para o Goberno galego”, segundo anunciou Gómez Besteiro.

O manifesto incide nunha asistencia “adecuada e eficaz” e que sexa “igualitaria con respecto a outras provincias galegas” para que “Galicia deixe de ter dúas velocidades”

O manifesto incide nunha asistencia “adecuada e eficaz” e que sexa “igualitaria con respecto a outras provincias galegas” para que “Galicia deixe de ter dúas velocidades”. Gómez Besteiro apelou á “vontade política” dos responsables da Xunta para cumprir coas dotacións que Lugo precisa. Moitas delas, lembrou, xa comprometidas co anterior goberno autonómico. Para isto, pediu que a Xunta actúe “por riba de motivos ideolóxicos, por diante de criterios de calculadora e coa mirada autónoma e independente que debe ter o Goberno de Galicia” que, afirmou, “nun problema destas características non pode escudarse en decisións tomadas desde Madrid nin en Consellos Interterritoriais, senón na realidade e as necesidades propias da poboación”.
 
O socialista incidiu na esixencia de Hemodinámica as 24 horas no HULA: “non podemos permitir que o tempo de atención medio para realizar un cateterismo en caso de infarto sexa de case 180 minutos para os e as lucenses, cando os expertos din que despois de 120 minutos os danos poden ser irreversibles e o risco de morte é ata do triple”, afirmou. Tamén destacou a necesidade da Radioterapia: “non podemos consentir que 600 lucenses teñan que trasladarse cada ano a outra provincia para recibir o seu tratamento contra o cancro nunhas condicións que afectan ao enfermo e aos seus familiares”, dixo. En canto á Medicina Nuclear, asegurou que “un hospital de referencia non pode quedar atrás na diagnose de enfermedades e non debe renunciar a darlle seguridade e unha atención de calidade aos veciños e veciñas”.

Denúnciase xestión integrada única "por supoñer a eliminación da independencia e a autonomía orzamentaria das áreas da Mariña e Lemos, e por abrir a porta da privatización e a centralización de servizos co progresivo abandono das zonas rurais”

O manifesto afirma tamén que o PSdeG estará “vixiante tras os pasos dados” coa xestión integrada única. “Non a compartimos, por supoñer a eliminación da independencia e a autonomía orzamentaria das áreas da Mariña e Lemos, e por abrir a porta da privatización e a centralización de servizos co progresivo abandono das zonas rurais”, din. Asimesmo, destacan “os compromisos incumpridos por parte da Xunta de Galicia en materia de sanidade na provincia, como a dotación dos edificios do antigo Hospital Xeral ou as melloras e investimentos nos hospitais comarcais de Burela e Monforte”.
 
Pola súa banda o alcalde de Lugo, José Clemente López Orozco, que falou en nome dos alcaldes e voceiros, destacou que os e as lucenses “teñen os mesmos dereitos e deberes que o resto de Galicia e España, e non son de segunda”, polo que lanzou unha mensaxe aos dirixentes do PP: “A Lugo hai que vir cando hai necesidades, e non só para recoller os votos”, dixo, antes de “animar a todos e todas a estar na manifestación vecinal” deste xoves día 6, xa que teñen dereito a “esixir o que é de xustiza”.

Sinatura do manifesto © PSdeG-PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.