O PSdeG únese a En Marea e BNG para pedir que o Congreso investigue o accidente de Angrois

Leiceaga, nunha sesión parlamentaria © Parlamento de Galicia

O PSdeG únese á petición do resto da oposición para que o Congreso dos Deputados investigue o accidente de Angrois. Nun cambio de postura, o grupo socialista anunciou o voto a favor da proposición non de lei que En Marea presentou ante o pleno para que o Parlamento de Galicia inste o Goberno do Estado a crear a devandita comisión sobre o sinistro ferroviario, e que se votará este mércores. 

Será a primeira vez que o PSOE vote a favor de solicitar esta comisión de investigación. Até o de agora, optara sempre pola abstención ao defender que o lugar apara a devandita comisión debía ser o Congreso e non a Cámara galega. Desta vez, e tamén por primeira vez, o Parlamento debateu unha iniciativa que cingue a demanda da investigación ás Cortes. 

O PSdeG muda a súa postura e apoia a iniciativa para que o Parlamento inste o Goberno a crear unha comisión de investigación no Congreso

A mudanza no PSdeG non foi tal no PP, que volveu anunciar o voto en contra e un novo veto malia as apelacións de En Marea, que lle recordou ao grupo popular o voto positivo do seu homólogo nas Cortes de Castilla y León. "Votaremos a favor dunha comisión de investigación sobre o accidente de Angrois no Congreso dos Deputados e solicitamos comisión técnica independente", adiantou Xoaquín Fernández Leiceaga, portavoz socialista na Cámara galega, nun cambio de posición da que xa advertira antes o BNG. "Non sei se ten que ver co que pasou nas primarias do pasado domingo", dixo Luís Bará, deputada do Bloque. 

Precisamente, o BNG introduciu unha emenda para incluír a petición de que se crease unha comisión de investigación tamén no Parlamento galego e que foi rexeitada por En Marea, que aclarou que segue a reclamala pero que cre que "non é o momento" de solicitala para "poder aumentar o bloque a favor". Xa que logo, para non evitar unha volta atrás do PSdeG. 

“Ante a coalición do silencio do PP e PSOE, e tendo en conta que é moi importante que se investigue e aclare o sucedido diante dun Goberno e aparato do Estado que o único que fai e obstruír o coñecemento da verdade“, En Marea xa aclarara que presentaba a iniciativa para a creación dunha comisión no Congreso "aínda que non se renuncia a que se cree tamén no Parlamento de Galicia".

Leiceaga reclamou unha “explicación técnica, xudicial e política” ao accidente de Angrois

Férnandez Leiceaga reclamou unha “explicación técnica, xudicial e política” ao accidente de Angrois. Así o aclarou durante o debate da PNL do Parlamento que foi emendada polos socialistas galegos para reclamar unha nova investigación independente e esacomisión de nvestigación no Congreso. A proposta, no sentido da que foi aprobada en Castilla y León coa abstención do PP, foi aceptada por En Marea, aínda que a proposición será votada este mércores. 

Para Leiceaga, esta iniciativa, xunto coa iniciativa do Parlamento de Castilla y León, tería un “valor simbólico relevante” como “chave para abrir a investigación no Congreso”.  O responsable socialista apostou por partir dunha investigación xudicial para “dilucidar outras responsabilidades máis alá das penais, que se as hai deben ser depuradas convenientemente”.

Ademais, subliñou que “o Parlamento de Galicia non é o ámbito adecuado” para esta investigación, xa que carece competencias sobre a conexión ferroviaria e polo tanto sería incapaz de “mandatar a políticos e técnicos” que compareceran.

Antón Sánchez, que defendeu a PNL en nome de En Marea, advertiu que o feito de que o Parlamento galego apoiase a iniciativa "non sería menor porque axudaría a rachar o muro de incomprensión de Rajoy e o ministro Catalá". Ademais, acusou o PP de "cinismo e hipocrisía" logo de negarse de novo a votar a favor. Ferández Prado, deputado popular, acusou a oposición de impulsar a iniciativa "con fins partidistas". 

Leiceaga, nunha sesión parlamentaria © Parlamento de Galicia
Sánchez, durante un debate no Parlamento Dominio Público Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.