O "racismo soterrado" do cartel de Cáritas

Cartel de Cáritas difundido polas redes sociais Dominio Público Praza Pública

A Fundación Secretariado Gitano condenou este venres a "dobre categorización das persoas entre xitanos e non xitanos" logo de que polas redes sociais se difundise o pasado 24 de decembro unha nota do servizo de roupetiro de Cáritas Diocesana da Coruña onde se establecían dous horarios diferentes para "persoas en xeral" e para os desta etnia.

Secretariado Gitano cre que o cartel é unha mostra "do racismo soterrado e inconsciente cara á poboación xitana"

Malia agradecer a "rápida resposta" de Cáritas Española rexeitando e condenando nun comunicado tamén esa diferenciación, Secretariado Gitano denunciou que este cartel non é máis que a mostra do "racismo soterrado e inconsciente cara á poboación xitana", así como a "hipocrisía que rodea" a sociedade. A polémica xurdiu cando un tuit cunha fotografía do devandito cartel de Cáritas Interparroquial da Coruña mostraba como se asignaban días diferentes para a recollida de roupa. As acusacións de racismo e discriminación foron moitas e a organización cristiá non tardou tampouco en aclarar que era un "caso puntual" e que se trataba dun aviso "de hai anos" que se colocou nunha parroquia coruñesa, que alí seguúia e que non tiña intención pexorativa ningunha. "Fíxose para ofrecer un mellor servizo ao colectivo xitano e promover tamén a súa integración", aclarouse.

O cartel que circulou polas redes mostra dous horarios diferentes para recoller roupa: "persoas en xeral" e "xitanos"

O cartel que circulo no día de Noiteboa polas redes sociais mostra dous horarios para a recollida de roupa nunha das sedes que Cáritas ten na Coruña. Mentres as "persoas en xeral" debían ir o martes de 9a 11, os "xitanos" debían acudir o xoves no mesmo horario.

Desde Cáritas insístese que foi un erro xa antigo e que non se fai ningunha distinción de horario nin día por etnias á hora de recoller roupa e, de feito, nos horarios que se poden ver na súa web non hai diferenciación ningunha, senón que se establecen horarios en xeral e sen restricións na Coruña. A explicación que se dá desde o colectivo é que a fotografía é dun cartel que se mantiña pendurado nun taboleiro desde hai anos e que entón aquela inexplicable e rexeitada diferenciación facíase para separar entre aqueles que ían apañar roupa para o seu uso e aqueles que adoitan vendela logo nalgún mercado.

A Confederación Cáritas Española lamenta "profundamente" a distinción e espera que "non se volva repetir"

A Confederación Cáritas Española lamentou "profundamente" a distinción realizada porque vai "totalmente en contra dos valores profundos desta institución e do traballo" que desenvolve a asociación cada día "poñendo no centro as persoas se distinción ningunha". Ademais, mostrou o seu apoio a Cáritas Diocesana de Santiago, responsable última da organización, nas medidas "oportunas e contundentes" que se adoptasen para que "non se volvan repetir" situacións semellantes.

Pero a Fundación Secretariado Gitano non é tan optimista e asegura que sabe que "estes casos se volverán repetir noutro lugar noutro contexto e noutras circunstancias". "Confiamos en que, cando isto ocorra, sexamos capaces de detectalo a tempo, mobilizarnos e denuncialo contundentemente desde os distintos sectores da sociedade", asegura nun comunicado.

"O problema non está en Cáritas, está no conxunto da sociedade; este só é un caso máis"

"O problema non está en Cáritas, está no conxunto da sociedade. Este caso é un máis nunha longa lista de incidentes que son unha clara vulneración dos dereitos fundamentais da poboación xitana recoñecidos na nosa lexislación nacional e internacional", di a Fundación, que lembra que "o rexeitamento" cara ao seu pobo "está tan arraigado entre nós que moitas veces nin se percibe e se acepta".

Cartel de Cáritas difundido polas redes sociais Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.