O sector lácteo colapsa Lugo e esíxelle a Feijóo que "goberne"

Un intre da tractorada en Lugo CC-BY-SA Praza Pública

"Señor Feijóo, non mire a Madrid, o lío do leite témolo aquí". Foi unha das consignas máis repetidas este xoves na mobilización do sector leiteiro que mantén colapsado o centro da capital lucense. Os máis de tres quilómetros da Ronda da Muralla ficaron pequenos para unha indignación gandeira que, ante a falta de solucións aos baixos prezos, lánzalle un berro á Xunta e ao seu presidente: "Gobernen xa".

O que reclaman é simple, explican: que a industria que vende os produtos que eles producen non "roube" o froito do seu traballo

"Moito leite para pouca conselleira", rezaba unha das pancartas que percorreu as principais rúas de Lugo este mediodía. O inicio da manifestación, encabezada por varias familias que viven do sector gandeiro -nenas e nenos incluídos- tívose que atrasar ante a enorme afluencia de tractores, chegados de toda a provincia e recibidos entre aplausos. O que reclaman é simple, explican: que a industria que vende os produtos que eles producen non "roube" o froito do seu traballo.

Algúns dos locais máis senlleiros do centro da cidade decidiron pechar as súas portas en solidariedade cunha mobilización gandeira que, todo semella indicar, se vai prolongar máis do previsto. Reunidos en asemblea, algúns dos gandeiros valoran a posibilidade de ficar en Lugo ata este venres, mantendo os tractores arredor da Muralla.

Algúns dos gandeiros valoran a posibilidade de ficar en Lugo ata este venres, mantendo os tractores arredor da Muralla

Este alargamento da mobilización respondería á advertencia lanzada polo sector nas últimas semanas a Xunta e Goberno central, así como á industria e á distribución. No caso de non acadar un acordo de prezos mínimos que, cando menos, garanta a venda do leite por riba do custo da produción, as protestas íanse "endurecer".

Mentres a tractorada e a manifestación transcorrían polo centro da cidade un grupo de tractoristas decidiu abandonar o percorrido oficial. O seu destino foi a factoría de Leite Río, no polígono do Ceao, onde un destacamento de antidisturbios impediu que os gandeiros se achegasen á sede da empresa cuxo propietario, Jesús Lence, é un dos principais destinos da indignación gandeira, tanto polos baixos prezos como por ter equiparado as tractoradas cunha "festa".

Un destacamento de antidisturbios impediu que os gandeiros se achegasen á sede de Leite Río, no polígono do Ceao

Como en anteriores ocasións as reivindicacións dos gandeiros en Lugo estiveron apoiadas por unha ampla representación polítíca. Ademais de alcaldes e alcaldesas de múltiples puntos da provincia encabezados pola rexedora lucense, Lara Méndez, participaron na protesta o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, o deputado de AGE Antón Sánchez ou o voceiro de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha, entre outros. Aínda que con maior discreción tamén se uniron á mobilización membros do PP local, como o seu voceiro, Jaime Castiñeira.

O prezo do leite volve baixar en Galicia

O prezo do leite que se lle paga aos gandeiros galegos volveu descender no pasado mes de xullo ata situarse nos 27,6 céntimos por litro 27,9 de xuño. Xa que logo, Galicia segue a ser a autonomía na que menos se paga polo produto aos gandeiros, 2,3 céntimos menos que a media estatal e aínda por debaixo de Cantabria (28,7) ou Aragón (29,9), mentres que o resto de territorios superan os 30 céntimos.

Os gandeiros cobran de media 27,6 céntimos por libro, 2,3 por baixo da media estatal

Así se recolle dos datos que vén de facer públicos o Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), dos que se tiran que o importe caeu en todas as autonomías agás nas Canarias, que se mantén invariable nos 45 céntimos. Dun total de 9.356 gandeiros que venderon leite por unha cantidade de 224 millóns de quilos de leite, o que supón menos dos 225 millóns de xuño

Tractorada en Lugo CC-BY-SA Praza Pública
Nenos nun tractor, ao inicio da marcha CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.