O segundo atropelo á triatleta Aída Valiño pon o foco na inseguridade dos e das cicloturistas

Pedalada 2014, en Pontevedra © Masa Crítica Pontevedra

Este luns pola mañá Aída Valiño, campiona de España de triatlón, foi atropelada en Salcedo (Pontevedra) cando circulaba en bicicleta, sufrindo policontusións, un traumatismo na cabeza e rotura da clavícula. Por tratarse dunha deportista de certa sona e por ser, ademais, o segundo atropelo que sofre en poucos meses (en xuño foi golpeda por unha furgoneta en Oia, xunto con outros oito ciclistas, un accidente que a tivo dez meses afastada das competicións) o seu caso veu poñer o foco nas últimas horas sobre os perigos e a falta de seguridade de sofren os e as cicloturistas galegas nas estradas.

A Asociación Ciclistas Galegos (ASCIGA) mantén actualizado un macabro contador que no 2014 chegou ata as 79 vítimas mortais, unha cifra que só recolle os accidentes publicados nos medios de comunicación e que -salientan- aínda se eleva máis na realidade. De feito, mentres que o contador ASCIGA chegou en 2013 a 59 falecidos, a cifra proporcionada pola DXT foi de 69. Nas vindeiras semanas coñeceremos os datos oficiais correspondentes a 2014. Mentres que o número total de persoas mortas nas estradas españolas se foi reducindo rapidamente nos últimos anos, non o fixo da mesma maneira a cifra de ciclistas falecidos e falecidas. Se en 2006 morreron un total de 4.491 persoas, entre elas 75 en bicicleta, en 2013 houbo 1.302 vítimas e 69 foron ciclistas.

O 5,3% de todos os mortos e mortas nas estradas son ciclistas, unha proporción que se duplicou na última década. Outros indicadores, coma o número de feridos e feridas leves e graves, reflicten tamén a situación de inseguridade que todos os días deben enfrontar os e as cicloturistas nas estradas. En 2013 houbo 646 ciclistas feridos e feridas graves (o 8% do total) e 4.779 feridos e feridas leves (o 4,56% do total).

O 5,3% de todos os mortos e mortas nas estradas son ciclistas, unha proporción que se duplicou na última década

ASCIGA realiza campañas periódicas, coma a Non máis bágoas levada a cabo o pasado mes de novembro, que demandan da administración medidas lexislativas e actuacións para incrementar a seguridade dos milleiros de ciclistas que todos os días circulan polas estradas galegas. Tamén buscan unha maior concienciación dos condutores, para que circulen respectando os dereitos dos outros usuarios e usuarias das vías, comezando por cumprir a norma dos 1,5 metros de marxe para adiantar. E, igualmente, lembran outros aspectos da normativa de circulación, que decote parecen ser esquecidas, coma que os automóbiles si poden traspasar a liña continua para adiantar un ciclista, ou que os e as ciclistas poden circular en paralelo, en grupos de dous.

ASCIGA: "A lexislación é mellorable, pero onde atopamos maior problema é no cumprimento das normas e no respecto pola vida dos usuarios máis febles das vías"

Así mesmo, esta e outras entidades, fan fincapé na necesidade de que os e as condutoras que incumpran estas normas, poñendo en perigo os e as ciclistas sexan perseguidos e penalizados. Lembran, a este respecto, casos coma o sucedido o pasado ano en Lleida, onde un automobilista que atropelou catro ciclistas, matando dous deles, foi unicamente multado con mil euros e coa retirada do carné de conducir durante tres anos, ao considerar a xuíza que o feito non era constitutivo de delito senón só de "falta leve". De feito, en entrevista con Praza os responsables de ASCIGA sinalaban hai uns meses que "a lexislación é mellorable, pero onde atopamos maior problema é no cumprimento das normas e no respecto pola vida dos usuarios máis febles das vías".

Hai dúas semanas un manifesto sinalou en Pontevedra que "o colectivo ciclista non quere nin debe aceptar a normalización dos perigos que nos atopa nas estradas"

Hai tan só dúas semanas a propia cidade de Pontevedra acolleu unha homenaxe, organizada polo colectivo Masa Crítica Pontevedra, a asociación Pedaladas e os concellos de Pontevedra e Marín, a Manuel Mesías Barros e Cristóbal Hermida, falecidos en dous accidentes (un en 2013 e outro o pasado mes de xaneiro) na vía PO-11 que une as dúas localidades. Nese acto leuse un manifesto que destacaba que "o colectivo ciclista non quere nin debe aceptar a normalización dos perigos que nos atopa nas estradas", esixindo "o estrito cumprimento das obrigas que lle corresponden á administración, a debida persecución dos infractores das normas da DXT e a necesaria concienciación da sociedade no respecto a tódolos usuarios da vía". "Non é aceptable que a nosa vida se poña en perigo por facer uso dun vehículo sostible, ecolóxico e saudable", engadía, para concluír: "Xa vai sendo hora de que as nosas parellas, fillos, familia e amigos, non nos despidan ao saír da casa cun: ten coidado; senón cun: pásao ben".

Homenaxe aos dous ciclistas falecidos na estrada Pontevedra-Marín © ASCIGA
Aída Valiño, en competición © http://www.triatlonnoticias.com/
Pedalada 2014, en Pontevedra © Masa Crítica Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.