O Sergas cancela operacións co paciente xa anestesiado

Profesionais médicos nun quirófano © Xunta

Operacións canceladas mesmo co paciente xa anestesiado ou suspendidas por falta de anestesista logo dunha hora agardando deitado. Son os casos que o PSdeG de Ourense vén de denunciar como consecuencias dos "recortes na sanidade" e que se produciron respectivamente no CHUO da capital ourensán e no Hospital Comarcal de Verín. 

Suspendeuse unha intervención por segunda vez co paciente xa anestesiado e outra logo dunha hora de espera na mesa de operacións

A deputada ourensá no Parlamento, Carmen Acuña, anunciou xa que presentará unha serie de iniciativas na Cámara para que o Goberno galego responda e determine se estes "escandalosos" casos son froito de "excepcións que non chegan ao 5%", tal e como defendeu a xestión do centro hospitalario ourensán, "ou se a falta de material e de anestesistas é algo común en Galicia polos recortes levados a cabo na sanidade pública"

"Haberá que determinar se isto é froito da xestión desastrosa de Eloína Núñez ou algo xeneralizado en Galicia", insiste Acuña. Eloína, xerente da área sanitaria de Ourense, é a curmá do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a quen a deputada provincial socialista, Elvira Lama, tamén sinala como responsable do caos que disque se vive en varios centros hospitalarios. 

O PSdeG quere saber se os casos son froito "da xestión desastrosa" da curmá de Feijóo en Ourense ou "algo xeneralizado en Galicia"

Un dos casos máis impactantes ten que ver con Sindo Cid, cuxa operación foi suspendida cando se atopaba xa deitado e anestesiado na cama. Era a segunda vez que vía como cancelaban a súa intervención cirúrxica, o que o levou a denunciar a súa situación. Puxo unha reclamación no CHOU ante as continuas demoras, que provocan tamén un grave prexuízo económica a este gandeiro autónomo que leva xa dous meses de baixa agardando unha solución. 

No caso de Verín, un paciente tamén foi levantado da cama a piques de ser operado por falta de anestesista. "No caso de centros comarcais coma este, si pode ser máis común que estas cousas acontezan ao ser o material moi xusto, pero sempre que entre outro doente de urxencia e cun caso máis grave que obrigue a aprazar outras intervencións. Só nese contexto é comprensible", explican fontes sanitarias coñecedores da situación na área ourensá. "O que é moito máis estraño é que estas cousas pasen nun hospital máis grande como o de Ourense", insiste. A desesperación do persoal ante as limitacións nos servizos é outra das causas que algunhas fontes esgrimen como factores que provocaron esta denuncia pública. 

A xerencia do hospital ourensán, pola contra, "lamentou" que o PSdeG intentase "alarmar" baseándose "en dúas anulacións dun servizo que realizou este ano máis de 18.000 operacións". Sindo Cid, o afectado, foi citado para esta mesma semana. Agarda que desta vez sexa a definitiva. 

A conselleira Mosquera nunha visita a uns quirófanos © Xunta
Carmen Acuña © PSdeG-PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.