O pasado 13 de xuño o Servizo Galego de Saúde puxo en marcha un proxecto piloto de atención non presencial en atención primaria. Atendeu telefónicamente 345 pacientes dun total de 2.844 consultas realizadas, é dicir, un 12, 13% do total dos que un 2, 57% foron derivados a consulta presencial. Esta iniciativa, que se realizou en sete centros de saúde de Galicia: A Covada na área da Coruña; Toén na de Ourense; Ares en Ferrol; Baleira en Lugo; A Baña en Santiago; Cercedo en Pontevedra e Salvaterra en Vigo, ofreceu aos pacientes a posibilidade de consultar por vía telefónica as súas doenzas.
Segundo o Sergas, a valoración do proxecto foi positiva "permite axilizar as consultas de atención primaria así como diminuír os tempos de espera, evita desprazamentos e esperas innecesarias e favorece a conciliación familiar e laboral" pero Manuel Martín, voceiro de SOS Sanidade Pública, ve neste proxecto "outro fenómeno de recorte que pretenden aforrar persoal e reducir a presión sobre as consultas médicas".
SOS Sanidade Pública ve neste proxecto "outro fenómeno de recorte que pretenden aforrar persoal e reducir a presión sobre as consultas médicas"
En declaracións a Praza Pública Martín afirma que as chamadas telefónicas entre médicos e pacientes é "unha práctica máis ou menos habitual en todos aqueles médicos máis preocupados polos seus pacientes desde xa hai moito tempo". Porén, ve nisto "outra escusa" para seguir cos recortes que xa se están a ver "hai prolongacións de xornada, non se repoñen xubilacións nin vacacións polo que se traballa en moitos casos sesións dobres para aforrar contratacións e así non se pode manter a calidade de atención" afirma "mentras hai centos de médicos en paro que se ven obrigados a marchar, a emigrar a outros países en buscar de traballo cando aquí temos máis necesidade que nunca deles".
Segundo o Sergas, o obxetivo para o último trimestre do ano é "iniciar a extensión non presencial da prestación a toda Galicia para medicina familiar e comunitaria, e no primeiro trimestr de 2014, a extensión a pediatría e enfermería en toda a comunidade". O voceiro de SOS Sanidade Pública afirma que a presenza do paciente "é natural, lóxica e obrigatoria" ao que engade que si o obxectivo último é sustituír as consultas médicas por telefónicas sería "inaceptábel" e no marco das políticas de recortes "sería unha estafa á poboación que non se pode tolerar". Martín aclara que aclarar dudas por vía telefónica cos pacientes "é unha práctica habitual, pero non pode pasar dunha duda, para todo o demais as consultas presenciais son imprescindíbeis, de non ser así verase minguada a calidade das consultas sanitarias".