O Sergas leva a Vigo á Fiscalía pola "inacción" ante o aparcamento no Cunqueiro

Vista xeral do novo hospital de Vigo © Sergas

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) puxo en coñecemento da Fiscalía os problemas de tráfico da contorna do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo ocasionados polo aparcadoiro irregular e ante a "inacción" da policía local e do Concello de Vigo, segundo adiantaron fontes sanitarias e publica a axencia Europa Press.

O Sergas leva o caso ante a Fiscalía "despois de múltiples denuncias ante a policía local e a inacción da autoridade competente"

A Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Vigo (EOXI) trasladou estes problemas á Fiscalía de Seguridade Viaria, unha medida que adopta "despois de múltiples denuncias ante a policía local e a inacción da autoridade competente". En relación a iso, a EOXI apuntou que a decisión de levar esta situación ante o Ministerio Público é poder garantir a seguridade de profesionais e usuarios do hospital.

Desde a apertura do hospital, no verán do ano pasado, os problemas de aparcadoiro nas inmediacións do centro foron constantes por parte de numerosos vehículos que aparcan en zonas prohibidas, chegando a ocupar carrís e rotondas. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, xustifica a súa falta de actuación polo elevado prezo do aparcadoiro e porque considera que os viarios interiores do hospital son "privados". Mentres, o Sergas lembrou que as tarifas se reduciron en decembro, de maneira que son as "máis baratas" da cidade.

Vista xeral do novo hospital de Vigo © Sergas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.