Primeiro foi Pascual, este venres foi Leite Río e a partir do venres será Leitegal quen deixe de recoller o leite de varios produtores e produtoras galegas. Estas decisións chegan, ademais, nun escenario moi negativo para os gandeiros e gandeiras galegas, que están recibindo entre 26 e 28 céntimos por litro de leite, moi por debaixo dos 34 que reciben as granxas andaluzas e doutras comunidades. Así mesmo, denuncia o SLG, o mandato das industrias está a ser "o de non producir máis que na campaña pasada, ou mesmo producir menos", ata chegar aos casos extremos nos que -directamente- se deixa de recoller o produto.
O Sindicato Labrego Galego alerta de que “estamos a vivir o desmantelamento do sector lácteo galego e a deslocalización da produción leiteira do noso país cara a outras zonas do Estado onde está o groso do consumo, como a franxa mediterránea”. "E o peor de todo" -engade- "non é a crise de fondo en si, senón a sensación de absoluta indefensión e orfandade que sofren as nosas explotacións".
“Estamos a vivir o desmantelamento do sector lácteo galego e a deslocalización da produción leiteira do noso país cara a outras zonas do Estado onde está o groso do consumo, como a franxa mediterránea”
O sindicato denuncia o "flagrante abandono de funcións" da Xunta e da Consellaría de Medio Rural "nesta crise e nos problemas do día a día do leite galego". En rolda de prensa Xosé Ramón Cendán sinalou que “nunca houbo un Goberno Galego -nin con Albor, nin con Laxe, nin con Fraga, nin con Touriño- que tivese tal falta de liderado no sector lácteo como o de Feijóo". "Cos anteriores gobernos, nunha situación de crise como a actual, tiñamos reunións semanais nas que estaban presentes tódolos axentes do sector, xuntabámonos as veces que fixera falta e, aínda que non sempre chegabamos a acordos, normalmente reconduciamos moitas situacións de crise", explica. "Mais agora, e tras meses de insistencia, o único que conseguimos de Medio Rural foi unha xuntanza de terceiro nivel na que nin sequera estiveron as industrias. Nunha crise como a actual, se o Goberno Galego non fai nada, non sei para que os temos gobernando, porque non nos fan falta”, di.
“Nunca houbo un Goberno Galego -nin con Albor, nin con Laxe, nin con Fraga, nin con Touriño- que tivese tal falta de liderado no sector lácteo como o de Feijóo"
O SLG anuncia que nos vindeiros días manterá "contactos a todos os niveis para organizar mobilizacións unitarias de cara a sacar á Xunta da súa parálise e para denunciar o desmantelamento do principal sector agrogandeiro da Galiza e un dos principais motores económicos e de estruturación social do país". Isabel Vilalba sinalou que “non queremos ningún tipo de protagonismo das nosas siglas nin das siglas de ningunha outra organización. Cremos que sería un erro pretender sacar tallada mediática diante deste problema global, pero tamén cremos que debemos loitar. Por iso, a semana que vén convocaremos mobilizacións en unidade coas cooperativas e as outras organizacións agrarias ou, en caso de que iso non sexa posible, farémolo en solitario”.
Concentración en Curtis
"Esta semana tocoulle a 22 granxas que fornecían a Río, pero no futuro pode acontecerlle a calquera", destaca o sindicato, que apoia esta mobilización
Gandeiros e gandeiras manifestaranse este domingo en Teixeiro (Curtis) en solidariedade coas 22 granxas ás que Río deixou de recollerlles o leite esta semana empregando como excusa que incumprían o nivel de graxa esixido. "Esta semana tocoulle a 22 granxas que fornecían a Río, pero no futuro pode acontecerlle a calquera", destaca o sindicato, que apoia esta mobilización.
O SLG alerta da "indefensión" que sofren os e as produtoras ao non existir mecanismos que permitan aos gandeiros e gandeiras afectados polas prácticas abusivas da industria poder reclamar
O SLG alerta da "indefensión" que sofren os e as produtoras ao non existir mecanismos -nin nas leis nin nos contratos- que permitan aos gandeiros e gandeiras afectados polas prácticas abusivas da industria poder reclamar. No meirande dos contratos, o ente mediador que figura nas cláusulas é a cámara de comercio provincial. "Se un gandeiro da Terra Chá ao que Río lle deixou de recoller o leite coa escusa peregrina do nivel de materia graxa denunciase, tería que acudir á Cámara de Comercio de Lugo -actualmente en concurso de acredores-, pagar unhas taxas mínimas de 800 euros, aprovisionar fondos por un montante de 3.500 euros e meterse nun litixio que pode durar anos", explican. A outra opción sería denunciar diante da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), pero deste xeito, no mellor dos casos, a industria sería sancionada, a granxa non recuperaría os cartos perdidos e, ao final, a empresa acabaría repercutindo a multa nas propias explotacións reducíndolles os prezos para cadrar as súas marxes de beneficio.