O SLG e Teo abrirán un mercado semanal de alimentos labregos

Mercado labrego celebrado en Lugo © SLG

O sábado 9 de xuño, a partir das nove da mañá, celebrarase a primeira edición do mercado semanal do Alimento Labrego de Teo, na praza dos Tilos. O obxectivo principal é a de posibilitar un espazo de venda directa como alternativa de futuro para as produtoras e produtores da zona. Con esta liña de fondo, o mercado nace como un proxecto de acción e sensibilización colectiva, para favorecer o consumo de alimentos locais e de tempada, e para de recuperar a idea do mercado como espazo social e de encontro.

O SLG afirma que "o desenvolvemento de mercados coma este é tamén unha vía para xerar emprego rural"

Esta iniciativa tivo o seu comezo no 2011, cun curso de agricultura ecolóxica do Concello de Teo en colaboración co Sindicato Labrego Galego (SLG). Despois da boa acollida deste curso, e coa ilusión das produtoras e dos produtores da comarca, considerouse moi importante que fose neste concello onde se albergase un mercado destas características. O SLG afirma que "no contexto de crise estrutural na que nos atopamos, as alternativas de futuro pasan por este tipo de apostas, que teñen na soberanía alimentaria o seu marco de acción". De igual xeito, defende que "o desenvolvemento de mercados coma este é tamén unha vía para xerar emprego rural, especialmente nestes momentos no que o paro ameaza a unha parte importante da poboación. Precisamos buscar alternativas, e a produción de alimentos sans e de calidade é unha delas".

Este mercado bota andar co compromiso dun grupo de labregas e labregos da comarca, agardando que se sumen moitas e moitos máis. No mercado poderanse atopar espazos diferenciados coma agricultura ecolóxica certificada, alimentos naturais e sostibles ou producións caseiras.

Como traballo previo á inauguración deste mercado, produtoras e produtores do Sindicato Labrego Galego da comarca, xunto con persoal do Concello de Teo, están levando a cabo unha campaña de sensibilización das consumidoras e consumidores que rematará este xoves, 31 de maio, cunha charla na Mediateca do Grilo, en Cacheiras, ás 20:30 horas. Deste xeito, o SLG e o concello de Teo rematan un ciclo de charlas informativas que xa se celebraron en Calo, Recesende e Os Tilos.

Imaxe dun mercado labrego organizado polo SLG en Compostela en 2011 © SLG
Mercado labrego celebrado en Lugo © SLG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.