O Sindicato Labrego Galego (SLG) convocou unha manifestación, este luns en Oroso, contra os resposables da empresa Lácteos Tambre, aos que acusan de acumular impagos e débedas cun gran grupo de gandeiros e gandeiras dende o ano 2011. Ademais, responsabilízanos de ter ameazado e agredido fisicamente a algún deles.
En primeiro lugar o sindicato rexistrará no Concello de Oroso (situado en Sigüeiro) un escrito dirixido ao pleno coa intención de recabar o seu apoio ás explotacións afectadas. A seguir, comezará unha concentración de protesta ante a Casa do Concello e, dende alí, partirá unha manifestación que se dirixirá até a sede de Lácteos Tambre, en Penateixa (a un quilómetro do concello).
O SLG denuncia que, a pesar de haber sentenzas xudiciais firmes na súa contra, a empresa eludiu o pago das súas débedas tras declararse sen fondos. Os acusados son a familia Sangiao, principalmente Ramón Sangiao Gómez, que despois de desmantelar a empresa orixinal, na actualidade xestionan Lácteos Merza e Logística Alimentaria. Naquela ocasión, a secretaria xeral do SLG expresaba a súa confianza en que “a xustiza esclareza estas artimañas legais que impiden que moitas explotacións poidan cobrar o seu leite" e declaraba que "non podemos consentir que esta empresa, calquera que sexa o seu nome, non pague o leite recollido mentres o seu dono segue a pasearse nun Jaguar”.
O sindicato tamén acusa a Conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, de darlles "as costas aos gandeiros e gandeiras"
O sindicato tamén acusa a Conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, de darlles "as costas aos gandeiros e gandeiras", tras ser interpelada ao respecto polo BNG, no Parlamento de Galicia, o 9 de maio de 2012. Naquela ocasión, a conselleira sinalou que “o abano competencial autonómico neste ámbito é escaso”, de maneira que Medio Rural se limitou a “ofrecer avais públicos ou crédito do Igape” e a “servir de ponte”. E tamén subliñan a responsabilidade do Ministerio de Agricultura, que a pesar dos procesos xudiciais que probaron os impagos, lles concedeu máis licenzas de primeiros compradores á familia propietaria, "para seguir operando impunemente no mercado do leite".
Por último, o sindicato subliña os casos denunciados de ameazas e agresións de Brais Sangiao Ríos a Xosé Manuel Calvo, gandeiro de Oroso e membro da Executiva do SLG, e lembra "o amplo historial delituoso dos Sangiao, que xa teñen sido procesados e condenados por especular coa venda de leite negro fóra de cota, pola estafa de transformar o gasóleo agrícola en gasóleo A".
Ducias de explotacións afectadas
As explotacións afectadas polos impagos de Lácteos Tambre denuncian que se lles debe leite recollido durante o primeiro trimestre de 2011, con débedas que van dos 3.000 aos 7.000 euros
As explotacións afectadas polos impagos de Lácteos Tambre denuncian que se lles debe leite recollido durante o primeiro trimestre de 2011, con débedas que van dos 3.000 aos 7.000 euros, segundo o caso. En total, foron sete as explotacións que denunciaron xudicialmente esta situación. O sindicato sinala que aínda que os gandeiros e gandeiras denunciantes teñen as súas explotacións en Muxía, Tordoia e Arzúa, "poderían estar afectados ducias de concellos e explotacións en toda Galicia", tendo en conta que Lácteos Tambre recolle leite en comarcas como Fisterra, Xallas, A Barcala, Compostela, Arzúa, Deza ou Tabeirós-Terra de Montes. O SLG afirma que moitos gandeiros e gandeiras "de quen se ten constancia que tamén teñen débedas pendentes coa empresa non quixeron denunciar a súa situación por temor a represalias".