O tanatorio ocupa o lugar da cultura en Boqueixón

Anexo á Casa da Cultura de Camporrapado hai un campo de fútbol Dominio Público CRA Boqueixón- Vedra

Máis tanatorios e menos cultura. Podería ser unha metáfora do país, pero está a pasar, con todas as letras, no Concello de Boqueixón. O pasado ano a maioría absoluta do Partido Popular aprobou a instalación do tanatorio municipal no baixo da Casa da Cultura de Monterrapado, un centro sociocultural que, como moitos outros nas zonas rurais, achega un bo número de servizos á poboación: auditorio, teatro, local social, axencia de lectura, sede asociativa, ludoteca..., sobre todo aos e ás habitantes das parroquias de Sucira, Camporrapado e Pousada.

Este mesmo mércores e xoves os veciños achegáronse até o centro sociocultural para tentar deter as obras, que deron comezo esta semana, unha protesta que rematou coa súa expulsión do lugar por parte da Garda Civil

Dende a súa aprobación, e a posterior adxudicación á funeraria Casablanca, as protestas veciñais foron en aumento. Entregaron sinaturas, realizaron concentracións e este mesmo mércores e xoves achegáronse até o centro sociocultural para tentar deter as obras, que deron comezo esta semana, unha protesta que rematou coa súa expulsión do lugar por parte da Garda Civil. Así mesmo, buscan unha paralización temporal das obras. En paralelo, os dous concelleiros da oposición, David Calvelo (PSdeG) e Xabier Canabal (Anova), presentaron mocións no pleno e tamén recursos de reposición e alegacións ao proxecto. Ademais, iniciaron accións xudiciais ante o que consideran "tres delitos de prevaricación moi graves".

"É o único auditorio que temos no concello e, na práctica, vai quedar paralizado", denuncia Xabier Canabal, que considera que pola "incompatibilidade de uso", a programación cultural que acolle o local, música ou teatro, quedaría invalidada, ao non poder prever en que momento o tanatorio pode ser utilizado; "a morte non escolle día, e a coincidencia non sería agradable para ninguén". O mesmo sucedería coa ludoteca e outros servizos, e os veciños tamén chaman a atención pola dificultade de facer compatibles os berros do campo de fútbol anexo coa actividade do tanatorio.

A programación cultural que acolle o local, música ou teatro, quedaría invalidada, ao non poder prever en que momento o tanatorio pode ser utilizado

A oposición tamén denuncia "irregularidades" no cambio de uso do local aprobado polo Concello e no proceso de adxudicación, no que "apareceron sobres abertos na mesa de contratación, como consta nas propias actas do concurso", destaca Canabal. Lembra, igualmente, que este mesmo ano o Concello negou a licenza para construír un tanatorio na zona rural con criterios que tamén invalidarían as obras en Camporrapado. Os veciños consideran que o tanatorio municipal en moitos outros lugares do termo municipal, "mesmo en zonas máis céntricas", destacan, "o lugar escollido tampouco é moi conveniente para a empresa, nunha das esquinas do concello, con tanatorios próximos en Touro e Vila de Cruces".

A oposición engade ás súas sospeitas sobre o proceso que a empresa Casablanca, única empresa que participou no concurso, presentou un escrito no Concello interesándose por instalar un tanatorio nese lugar un mes antes de que o Concello aprobase a modificación de usos para o centro cultural.

Anexo á Casa da Cultura de Camporrapado hai un campo de fútbol Dominio Público CRA Boqueixón- Vedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.