O teito de Galicia segue desprotexido dez anos despois

Imaxe aérea das canteiras de lousa a ceo aberto nos arredores de Casaio © SIGPAC

"Un claro ejemplo de visión estrecha y fanática por la conservación a toda costa para el desarrollo turístico de sus provincias". Esta frase, que forma parte do Recurso Contencioso-Administrativo que Pizarras San Gil presentou en 2002 contra a Orde do 19-04-2002 da Consellería de Medio Ambiente pola que se iniciou o Plan de Ordenación de Recursos Naturais (PORNa) de Pena Trevinca, resume a visión e o ataque frontal que as empresas mineiras levan anos realizando contra todo intento de protexer este espazo, no que entre outras cousas se ubica cumio máis alto de Galicia.

Ao longo destes dez anos o desleixo da Xunta e a presión destas empresas que buscan explotar o subsolo veñen adiando a resolución

Ao longo destes dez anos o desleixo da Xunta e a presión destas empresas que buscan explotar o subsolo veñen adiando a resolución. O recurso de Pizarras San Gil foi desestimado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en 2005, pero o PORNa de Pena Trevinca quedou nun caixón ata que en 2007 a Consellería de Medio Ambiente licitou a contratación dunha asistencia técnica para a súa redacción nun prazo de 14 meses e cun orzamento de 87.000 euros. Tardou case dous anos en adxudicar a contratación da asistencia técnica. Porén, a día de hoxe, máis de 2 anos dende que rematase o prazo para a súa redacción, aínda non se aprobou e nin siquera se someteu a información pública. 

En teoría dende abril de 2002 está legalmente prohibida “a realización de actos que supoñan unha transformación sensible da realidade física ou biolóxica” do espazo natural de Pena Trevinca. Porén, na práctica, segundo denuncia a SGHN, unhas 12 hectáreas do LIC e ZEPA de Pena Trevinca foron xa destruidas por explotacións mineiras a ceo aberto de pizarra, pois 2,15 hectáreas están ocupadas por escombreiras da louseira que ocupa a zona de Os Fiolos, O Osperón, Amproa e Os Mallos e outras 9,43 por escombreiras e a propia explotación de lousa que ocupa a zona de Alto do Campo. A SGHN alerta tamén de que hai cando menos 6 quilómetros de cauces fluviais "literalmente desaparecidos": 2 quilómetros do río San Xil, 3,5 do río Valborrás e 0,5 do rio Casoio. E denuncia que "os pizarreiros pretenden tamén desviar cauces fluviais para acoller escombros".

A SGHN demándalle á Xunta que deteña a destrución do LIC e ZEPA de Pena Trevinca

Por este motivo a SGHN demándalle á Xunta que deteña a destrución do LIC e ZEPA de Pena Trevinca polas explotacións de lousa a ceo aberto e que esixa a reposición de legalidade vixente.

A SGHN denuncia que 6 quilómetros de de cauces fluviais están desaparecidos © SGHN

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.