O colombiano Germán Velásquez abandonou en 2010 a Organización Mundial da Saúde (OMS), na que traballara durante máis de dúas décadas, denunciando o control que nela estaban a exercer as grandes compañías farmacéuticas. Agora pelexa polo acceso universal aos medicamentos dende o Centro do Sur, unha organización intergobernamental que axuda os países en desenvolvemento a defender os seus intereses comúns nos foros internacionais de negociación. Velásquez foi o poñente principal da segunda xornada da Semana Galega de Filosofía, que esta semana se celebra en Pontevedra, onde falou sobre A industria do medicamento
Velásquez salientou que dende finais da década dos 80 se foi afianzando un pensamento baseado no acceso á saúde "como un desafío económico" e non como un dereito
Velásquez salientou que dende finais da década dos 80 se foi afianzando un pensamento baseado no acceso á saúde "como un desafío económico" e non como un dereito. Neste contexto os grandes laboratorios foron gañando poder económico e político, acabando por ser "empresas financeiras que secundariamente producen bens de consumo que poden curar".
Millóns de persoas en todo o planeta non teñen acceso a determinados medicamentos por culpa dos seus elevados prezos. O problema é o sistema de patentes?
A base do problema dende hai tempo son as patentes, porque as patentes introducíronse no mercado para produtos farmacéuticos hai agora 20 anos, cando se creou a Organización Mundial do Comercio. O que sucedeu máis recentemente, nos dous últimos anos, e que constitúe un cambio de paradigma, é que por primeira vez na historia hai un medicamento -o tratamento contra a Hepatite C- que os países máis desenvolvidos non conseguen pagar, ben sexan os seguros públicos en Europa Occidental, ben os seguros privados nos Estados Unidos. O cambio é que isto xa non é só un problema dos países en desenvolvemento, senón que é un problema global que afecta a todo o mundo.
"Por primeira vez na historia hai un medicamento -o tratamento contra a Hepatite C- que os países máis desenvolvidos non conseguen pagar. É un cambio de paradigma"
Co tratamento para a Hepatite C vimos como o laboratorio que o fabricou estableceu negociacións cos distintos gobernos, iniciándose un regateo que nalgúns momentos tomou aparencia de chantaxe...
Si. Gilead sacou o Sovaldi cun prezo de 84 mil dólares, cando o seu custo de fabricación foi de 60 dólares. España chegou a un acordo para pagar 13 mil dólares por persoa despois dunha negociación moi longa e moi arbitraria, pois en Francia o Goberno paga 41 mil euros, Alemaña paga 50 mil euros e Australia paga só 3 mil dólares. É un cambio de paradigma: a industria farmacéutica responde que eles son un negocio e que debe responder en primeiro lugar ante os seus accionistas e non ante os enfermos. Nos Estados Unidos a industria farmacéutica está tendo unha media de beneficios do 17%, mentres que o resto de sectores se move como moito no 3,1%.
"A primeira solución pasa por aplicar o sistema de licenzas obrigatorias, garantindo o dereito dos países por razóns de saúde pública e de orde económica a retirar as patentes"
Cal é a solución a esta situación? Como se garante o acceso aos medicamentos? Xenéricos, licenzas obrigatorias, maior control da actividade das farmacéuticas, garantías para a investigación pública...?
Non hai unha solución única, hai unha serie de solucións que combinadas poden tratar de mellorar a situación ou cando menos manexala. A primeira pasa por reforzar e aplicar o actual sistema de licenzas obrigatorias, garantindo o dereito dos países por razóns de saúde pública e de orde económica a retirar a patente, permitindo que ese medicamento poida ser producido por outros fabricantes para conseguir prezos máis baratos. Outra solución pasa por unha maior regulación da industria farmacéutica. Son monstros que case sempre teñen a súa sede en paraísos fiscais, de Luxemburgo a Irlanda, que producen en países como Tailandia e cuxa propiedade e control están moi diluídos. Exercen moita presión sobre os gobernos e os partidos políticos en todos os países, financiando campañas electorais e asegurándose de que a lexislación segue a ser favorable aos seus intereses. Trataríase de regresar a un sistema no que haxa máis control, para que os medicamentos que se saquen ao mercado sirvan para tratar as patoloxías realmente existentes.
A investigación centra os seus esforzos en determinadas doenzas en función do beneficio económico que poden xerar os seus tratamentos?
A investigación privada deséñase exclusivamente en función dos mercados económicos potenciais. Non depende da prevalencia das enfermidades, porque en moitos países moi afectados por unha doenza nin o Estado nin o paciente teñen capacidade de compra dos tratamentos. Céntranse polo tanto en enfermidades con grande incidencia nos países ricos, coma o cancro, ou mesmo en doenzas que eles mesmos crean, coma o trastorno de déficit de atención e hiperactividade (TDAH), que ata hai pouco non requiría medicación nos protocolos empregados.
"A OMS cambiou substancialmente porque a organización sufriu nos últimos anos un proceso de privatización alarmante"
Vostede traballou dúas décadas na Organización Mundial da Saúde, que abandonou hai uns anos. Cambiou a forma de operar da OMS?
A OMS cambiou substancialmente porque a organización sufriu nos últimos anos un proceso de privatización alarmante. Hai 20 anos, máis do 51% do orzamento da OMS procedía das achegas dos 194 países membros, e hoxe estes fondos dos Estados representan menos do 20% dos ingresos da Organización. A industria farmacéutica e fundacións privadas achegan o 81% restante. Isto fixo que esta entidade, que tiña como función a regulación da saúde pública en todo o mundo, perdera a súa independencia e neutralidade.
"En países como España, Reino Unido ou Alemaña, onde a saúde e o acceso aos medicamentos é un dereito dende hai tres xeracións, vai ser moi difícil que consigan acabar co sistema público"
Algunhas voces repiten que os actuais sistemas públicos de saúde en Europa Occidental son insostibles, unha situación que serve para xustificar as privatizacións ou o copago de medicamentos. Como ve o futuro da sanidade pública? Hai forma de salvar os actuais dereitos ou mesmo de recuperar as garantías perdidas?
Os únicos servizos de saúde que funcionaron ben nas últimas décadas, mesmo moi ben, foron os de Europa, financiados exclusivamente con fondos públicos a través dun sistema de redistribución da riqueza. O sistema menos eficaz e máis caro do mundo é o norteamericano, financiado de forma privada e que funciona a través de compañías con obxectivos de lucro. Hai un discurso que se quere difundir, que sostén que o sector público é ineficiente e que o privado é eficiente; pero isto queda totalmente desacreditado cos escándalos de corrupción que nos últimos anos afectaron tamén ao sector privado en España, Francia ou Italia. A privatización de hospitais por motivos de rendibilidade e suposta boa xestión implica pecharlle as portas a quen non pode pagar. En países como España, Reino Unido ou Alemaña, onde a saúde e o acceso aos medicamentos é un dereito dende hai tres xeracións, vai ser moi difícil que consigan acabar co sistema público. Esta é unha gran diferenza co resto dos países, onde o pagamento dos medicamentos debe facelo de forma privada o paciente. A sociedade é consciente dos seus dereitos e por iso a defensa da sanidade pública é unha esixencia que sempre lle van facer aos políticos.