Nas últimas semanas de 2013 dende Asturias as integrantes da Tertulia Feminista Les Comadres, xunto coa asociación Mujeres por la Igualdad de Barredos, decidiron que non abondaba con indignarse en pequenos círculos pola contrarreforma da lei do aborto que preparaba o Goberno de España. Por iso decidiron berarrllo ao Executivo de Mariano Rajoy indo ata Madrid. E así o fixeron. Elas e milleiros de persoas de todo o Estado que, impulsadas por organizacións feministas, plataformas polo dereito ao aborto e movementos como a asociación galega Ve-la luz, se uniron ao Tren da Liberdade. A "forza e valor para loitar e decidir" que percorreu as rúas da capital española naquela xornada ficou plasmada neste filme documental que, elaborado polo Colectivo de Mulleres Cineastas a través do traballo desinteresado de máis de 80 profesionais, pretende ser unha peza máis na loita polos dereitos das mulleres e contra as restricións de liberdades que abandeira o ministro Ruiz-Gallardón.