O tren Ferrol-Ribadeo prosegue a súa decadencia, a pesar das promesas de melloras

O FEVE ao seu paso por Narón © Plataforma pola defensa do ferrocarril Ferrol-Ribadeo

As protestas e a mobilización da Plataforma pola defensa do ferrocarril Ferrol-Ribadeo, de Concellos e de usuarios forzaron a RENFE a anunciar a pasada primavera a posta en marcha de medidas para mellorar o servizo. Entre elas, había actuacións a medio e longo prazo, pero tamén outras de aplicación inmediata como a recuperación de dúas máquinas que levaban tempo nos talleres. Porén, a propia Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo denuncia que os problemas que sofre a liña seguen a ser, esencialmente, os mesmos. Mantéñense os atrasos, que comezan a ser a norma. Diferenzas de 10 ou 15 minutos con respecto aos horarios previstos son o habitual, pero en ocasións os trens chegan cunha hora de atraso ao seu destino.

Mantéñense igualmente as avarías, produto do mal estado das máquinas utilizadas. A Plataforma rexistrou case un cento de incidencias dende que a mediados de xuños a compañía puxo en marcha o seu anunciado plan, co que en teoría buscaba solucionar os problemas denunciados. A outra gran eiva é a ausencia de interventores (os chamados revisores). Isto, ademais da imposibilidade de mercar o billete no propio tren e da imposibilidade de ofrecer información ou axuda aos viaxeiros e viaxeiras, implica que RENFE non rexistra nas súas estatísticas a moitos dos usuarios e usuarias desta liña cando, por exemplo nestes meses de verán, a ocupación nos trens que viaxan pola Mariña e por Ferrolterra é moi alta. Implica, ademais, que na práctica se pode viaxar de balde.  

A plataforma pide que se reúna a Comisión de Seguimento do ferrocarril do norte, no que ademais de RENFE participa a Consellaría de Infraestruturas e os concellos polos que pasa a liña

A Plataforma pola defensa do ferrocarril Ferrol-Ribadeo demándalle á empresa que tome medidas e que cumpra as súas promesas de mellora do servizo. Pide, igualmente, que se reúna a Comisión de Seguimento do ferrocarril do norte, no que ademais de RENFE participa a Consellaría de Infraestruturas da Xunta e os concellos polos que pasa a liña.

 

As eivas non resoltas do servizo

A liña Ferrol-Ribadeo atravesa ás comarcas de Ferrolterra, Ortegal e a Mariña Lucense, que contan en conxunto cunha poboación de máis de 240.000 habitantes. A plataforma salienta que "estes servizos ferroviarios poden ser unha ferramenta ideal para a fixación de poboación en todo o norte galego, xa sexan en zonas urbanas ou zonas rurais". "A día de hoxe, carécese dunha alternativa de transporte público colectivo, e a liña e os servizos ferroviarios Ferrol- Ribadeo ben organizados e optimizados poden cumprir esta demanda", engade. Entre Ferrol, Xuvia e San Sadurniño, a oferta é aceptable en número de frecuencias, pero non así no resto da rede, con só catro trens diarios en cada sentido.

En 2016 producíronse máis de 500 supresións de servizos, das cales entre un 60% e un 70% foron imputables a avarías no material rodante e o resto a falta de persoal de condución

En 2016 producíronse máis de 500 supresións de servizos, das cales entre un 60% e un 70% foron imputables a avarías no material rodante e o resto a falta de persoal de condución. "O taller de reparación do depósito de Ferrol, no cal prestan servizo tan só 3 traballadores, resulta totalmente insuficiente para atender tal nivel de avarías", sinala a Plataforma, "complicándose aínda máis se cabe por un sistema nefasto de provisión de recambios que se alonga durante meses e anos e que leva a deixar parados automotores durante meses nos talleres".

Despois de varios anos de práctico abandono do mantemento, foi no ano 2016 cando Adif procedeu á limpeza do perímetro da vía descontinuadamente, comprometéndose a ir realizando as obras co fin de ir retirando as Limitacións Temporais de Velocidade (LTV) que se acumulaban no trazado, por consecuencia da política levada a cabo durante anos: cando se producía unha incidencia ou derrube, impúñase unha LTV en vez de subsanar totalmente o problema. Cómpre destacar que as LTV obrigan a baixar a velocidade da zona nun intervalo de 60 ata mesmo os 20 Km/h, dependendo da perigosidade. Chegáronse a contabilizar máis de 30 LTV na liña Ferrol-Ribadeo. No tocante á calidade do trazado, tendo en conta o perfilado e bateado da vía, contaba con mellores niveis nos anos 80; sendo proba disto os menores tempos invertidos en viaxe naqueles anos con respecto ao tempo de viaxe nos días de hoxe.

A Plataforma pola defensa do ferrocarril Ferrol-Ribadeo denuncia que Adif anulou sen explicación unha partida plurianual (2017-2020) de inversións e mantemento de 12,8 millóns de euros para a rede de ancho métrico para Galicia e Asturias. Foi substituída por outra partida de 1,9 millóns de euros ata setembro do 2017, rompendo o seu suposto compromiso inversor en mantemento e mellora da infraestrutura.

A entidade vén denunciando tamén a progresiva degradación das funcións de transporte da liña, criticando a retirada as vías de carga de mercadorías existentes en Moeche e Ponte Mera. A plataforma lembra que ata hai pouco a liña empregábase con frecuencia para o transporte de madeira, dende Cerdido e Moeche cara ao País Vasco e denuncia que a operadora Renfe-Feve "rexeitou ofertas de transportes de madeira na zona da Mariña Lucense, poñendo como xustificación a carencia de persoal". "Non é que non se intente captar tráfico de mercadorías, senón que se rexeita o que se ofrece", conclúe.

Tren FEVE nunha liña de ferrocarril galega © Pola defensa do ferrocarril Ferrol-Ribadeo
Autobús esperando viaxeiros do FEVE en Cerdido © Pola defensa do ferrocarril Ferrol-Ribadeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.