O TSXG estima o recurso de Carnota contra Benestar polo peche do seu Centro de Día

Concello de Carnota © ayuntamientos.es

En xullo de 2013 a Xunta decidiu o traslado do Centro de Día de Carnota a Muros, argumentando o departamento de Benestar que o edificio presentaba "deficiencias" e que necesitaba dunha "intervención en profundidade". De inmediato, o Concello de Carnota presentou un recurso contencioso-administrativo contra a decisión, acusando o Goberno galego de pasar por riba, unilateralmente, dun convenio que tiña vixencia ata o 2015.

Dous anos despois, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de facer pública unha sentenza na que estima o recurso interposto polo Concello de Carnota contra a resolución do xerente do Consorcio Galego de servizos de igualdade e benestar que resolvía o convenio entre o Consorcio e o Concello para o mantemento do centro de día. No fallo, o TSXG declara a nulidade de pleno dereito da resolución "por ser ditada por un órgano manifestamente incompetente", neste caso o xerente, pois non entraba esta acción dentro das súas facultades.

O TSXG condena ademais o Consorcio ao pagamento das custas do xuízo. Na denuncia, o Concello de Carnota esixíalle a Xunta o pagamento dunha indemnización polos gastos que lle supuxera, ata ese momento, o mantemento da instalación e esixía o cumprimento do convenio en vigor. O Centro de Día de Muros ten 45 prazas, e o de Carnota contaba con 15. O Consorcio de Benestar ofreceulles aos usuarios e usuarias das instalacións carnotás transporte gratuíto cara ao Centro de Día muradán.

Concello de Carnota © ayuntamientos.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.