O TSXG recorda que no caso de Aurelia "ninguén pode elixir" que leis cumprir

Aurelia Rey atende os medios tras paralizarse o desafiuzamento CC-BY-SA M. Pereira

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Miguel Ángel Cadenas, pronunciouse este xoves sobre o intento de desafiuzamento de Aurelia Rey e admitiu que existe "un problema social subxacente" nos desaloxos, pero lembrou que "ninguén" pode "elixir" que leis cumprir. "Estamos a falar de executar unha sentenza firme e iso, nun Estado de Dereito, é algo habitual, normal e obrigado", asegurou, logo de que ser preguntado polo caso da anciá de 85 anos, que grazas á presión social continúa na súa casa aínda que baixo ameaza de lanzamento.

"No caso de Aurelia estase intentando executar unha sentenza firme ratificada pola Audiencia Provincial", recorda Cadenas

Ademais, Cadenas pediu que se desvincule "o problema legal" do "xudicial" e do "social". "O poder xudicial ten por función constitucional xulgar e facer executar o xulgado", insistiu, tras recordar que no caso de Aurelia "estase intentando executar unha sentenza firme" tras "unha demanda de desafiuzamento por falta de pago" que foi ratificada pola Audiencia Provincial.

"Non é posible exixir dun órgano xudicial" que paralice este desaloxo, porque ese "problema social subxacente" é "alleo realmente ao xudicial". "O Xulgado xa deu conta da situación desta señora aos servizos sociais do Concello", lembrou Cadenas, tras insistir en que non existe "o dereito a elixir" que normativas cumprir ou non. Ademais, estendeu este principio á comisión xudicial encargada do desaloxo, pero tamén á Policía e os Bombeiros. 

O TSXG defende que se suspenda o desaloxo se hai perigo "para a integridade física da comisión xudicial ou das persoas presentes"

Aínda así, deixou claro que "non é responsabilidade" da citada comisión "realizar un acto de desaloxo" cando existe "risco para a súa propia integridade física ou das persoas que están alí reunidas". "O que ten que facer neses casos é suspender e viabilizar que o acto xudicial de execución dunha sentenza se realice coa debida seguridade e garantía para todos os que interveñan nese acto", concluíu o presidente do alto tribunal galego.

A Policía intenta evitar o paso dos manifestantes CC-BY-SA M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.