O TSXG rexeita outro recurso de Edgewater e reitera a fin do proxecto mineiro de Corcoesto

Protesta contra a mina de Corcoesto © Salvemos Cabana

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) dá outro golpe definitivo ao pretendido proxecto megamineiro de Corcoesto. Unha sentenza emitida esta semana desestima o recurso contencioso-administrativo presentado por Mineira de Corcoesto --filial da multinacional Edgewater-- contra a resolucións da Xunta de marzo de 2014 na que cancelaba oficialmente o proxecto pola súa falta de solvencia técnica e financeira. 

O TSXG desestima o recurso de Edgewater contra as resolucións da Xunta que cancelaban o proxecto megamineiro

O TSXG, ante as pretensións da empresa mineira de anular as resolucións e declarar aprobado o proxecto por silencio administrativo, confirma a insuficiente acreditación de solvencia económica e técnico da iniciativa e advirte da capacidade da Administración galega para valorar a solvencia das compañías promotoras e lembra a constitucionalidade da denominada cláusula Corcoesto

Esa cláusula fora incorporada polo Goberno galego na Lei 12/2014 de medidas fiscais e administrativas de Galicia para introducir a caducidade dos dereitos mineiros no caso de que un proxecto non fose aprobado. Sinala que os dereitos mineiros poderán denegarse motivadamente "polo incumprimento dos requisitos subxectivos ou a insuficiente acreditación da solvencia económica ou técnica do solicitante". O propio Tribunal Constitucional pechara a porta ás intencións de Edgewater declarando a constitucionalidade desta modificación legal

O tribunal confirma que os dereitos mineiros poden denegarse "polo incumprimento dos requisitos subxectivos ou a insuficiente acreditación da solvencia económica ou técnica"

"No outorgamento dunha concesión mineira, a Administración debe garantir a racionalidade da explotación que se pretenda, máxime cando se ache con proxectos de tamaña envergadura como o presente, racionalidade que se tutela mediante a análise rigorosa da solvencia económica e técnica da solicitante, que neste caso non acreditou, debido a que non deu cumprimento ao requirimento que se lle fixo con esa finalidade”, advirte o TSXG nunha sentenza á que tivo acceso Praza.gal e que é aínda recorrible ante o Supremo. 

O ditame desestima o recurso contencioso-administrativo presentado pola compañaía meniera e declara "conformes a Dereito" as resolucións impugnadas. Ademais, condénaa a pagar as custas do xuízo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.