"O uso do galego nos medios está penalizado polo mercado"

Henrique Sanfiz © El Ciber de Mao

Unidos para ser máis fortes, para reivindicar fronte ás administracións un trato xusto e equilibrado para os medios en galego e para resistir neste momento de crise do xornalismo e dos medios. Nace a Asociación de Medios en Galego, na que polo de agora se agrupan dez cabeceiras: Tempos Novos, Novas da Galiza, Galicia Confidencial, Que Pasa na Costa, Xornal Certo, Radiofusión, de Luns a Venres, Praza Pública, O Compás e Valminor.info. A diferenza da Asociación de Medios Escritos en Galego, que se formou en 2004 e que se limitaba a medios impresos e dixitais, nesta nova entidade poden participar medios de todos os soportes. Tampouco hai limitación pola norma do galego que se escolla usar.

Nesta nova entidade poden participar medios de todos os soportes. Tampouco hai limitación pola norma do galego que se escolla usar

Henrique Sanfiz, director de Radiofusión, é tamén o primeiro presidente da AMG. Sanfiz sitúa a interlocución coas administracións como a primeira prioridade da nova entidade e afirma que debe "cesar a actual discriminación". Tamén valora positivamente a experiencia de Vitaminas para o Galego, unha iniciativa impulsada o pasado ano que desenvolveu varios eventos xornalísticos e culturais en defensa do noso idioma. Sanfiz parte da premisa de que "os medios en galego son necesarios" e de que hai unha gran masa de lectores que reclama a súa existencia.

Cales serán os primeiros pasos da AMG?

Un dos primeiros pasos será facer unha interlocución coas diferentes administracións: autonómica, estatal, provinciais, locais e da Unión Europea. Para insistir na necesidade de medios de comunicación en galego e que, en función desa necesidade, as políticas de apoio aos medios que se desenvolven dende distintas administracións contemplen nos seus baremos de distribución o uso da lingua propia. É un uso que está penalizado polo mercado, pero é un ben cultural e social que as administracións públicas deben de axudar a protexer e a medrar.

"As administracións deben compartir a necesidade da existencia de medios en galego e cesar a actual discriminación"

Como valoras a experiencia de Vitaminas para o Galego, de onde nace a AMG?

Moi positiva porque Vitaminas dirixiuse a apelar á cidadanía con estes mesmos obxectivos e presupostos. E a resposta da cidadanía a todas as actividades e accións que se fixeron foi excelente. A pesar da situación de crise económica non se debe prescindir dos ben culturais e a lingua é un ben cultural máis.

A sociedade reclama medios en galego? Hai masa social para sostelos?

Estou convencidisimo de que existe unha gran masa de potenciais consumidores de medios en galego. A práctica totalidade da poboación entende o galego e a comunicación en galego debería ser o máis normal. Ese público existe, e os retos daquela son dous: que as administracións compartan esa necesidade e aposten polos medios en galego e, polo tanto, cese a actual discriminación. E a outra, que os propios medios de comunicación sexan capaces de facer produtos de calidade para conectar con ese mercado.

"O que para os outros é un simple catarro, para nós é unha grave pneumonia"

Os medios superarán a actual crise?

A situación para os medios é critica en toda Europa, pero nós padecémolo máis polas circunstancias de discriminación, antes comentadas, que temos que enfrontar. O que para os outros é un simple catarro, para nós é unha grave pneumonia.

Henrique Sanfiz © El Ciber de Mao

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.