O valor social das prácticas cooperativas, en destaque

Imaxe do encontro celebrado en setembro en Vigo CC-BY-NC-SA Cooperland

O pasado mes de setembro representantes de cooperativas e proxectos sociais de Italia, Estonia, Croacia, Holanda, Grecia e de distintos puntos do Estado español participaron en Vigo no II Encontro Europeo de Prácticas Cooperativas Cidadás, no que durante dous días se debateu a situación, problemas e potencialidades deste tipo de iniciativas, nun espazo no que tamén amosaron a súa experiencia ao redor dunha vintena de proxectos galegos.

O encontro de Vigo era o evento central dun proceso desenvolvido ao longo de varios meses en distintos países do continente para mellorar as estratexias políticas e sociais para o desenvolvemento das prácticas cooperativas. O obxectivo final era reflectir as conclusión destes debates e traballos preparatorios nunha serie de documentos que recollesen unha sistematización de demandas, problemas e solucións para as cooperativas. 

Os días 5 e 6 de noviembre de 2014, unha delegación cidadá (composta por representantes dos seís países participantes) viaxou a Bruxelas para presentar os resultados do encontro vigués ante os e as europarlamentarias que aceptaron o convite, nun debate público con organizacións da sociedade civil radicadas na cidade belga. Estas conclusións sistematizáronse en dous documentos: unha Carta pola cooperación social en Europa e unhas Recomendacións para a promoción da cooperación cidadá en Europa. Tamén elaboraron unha wiki participativa que pode achegar moitos contidos e ferramentas de interese para as cooperativas.

Rita Bouvy, responsable de comunicación de Cooperland, destacaba que "o proxecto parte dunha constatación: que as prácticas cooperativas cidadás xeran benestar social" e sinalaba que "no actual momento de crise, as prácticas cooperativas non só están crecendo, senón que se están modernizando e diversificando, xerando prácticas que antes non existían". Con todo, advirten que a cooperación entre os diferentes axentes sociais se enfronta na actualidade a varios tipos de obstáculos (legais, de interlocución coas institucións, etc.), o que os levou a tentar afianzar a promoción destas prácticas non só desde a área social senón tamén a escala política.

O proxecto busca introducir na axenda europea a necesidade de que se recoñeza "o gran valor social que teñen as prácticas cooperativas". Esperan aumentar o coñecemento e a comprensión dos actores políticos e sociais capaces de xerar impacto sobre o potencial da cooperación dos cidadáns e compartir unha folla de ruta común coas estratexias prioritarias para logralo.

 

Recomendacións

O proxecto busca introducir na axenda europea a necesidade de que se recoñeza "o gran valor social que teñen as prácticas cooperativas"

O documento de recomendacións chama a "outorgar o recoñecemento apropiado ao valor social das prácticas de cooperación cidadá, á súa existencia e diversidade, fomentar o seu desenvolvemento e brindar o apoio necesario para a consolidación das numerosas e pequenas prácticas de cooperación social a través de novas canles institucionais, estatutos xurídicos e vías de financiamento". Pon o foco, sobre todo, en catro áreas temáticas: Cultura libre e cultura dixital, espazos públicos e sociais, medioambiente e espazos naturais e o ámbito da reprodución e os coidados, ampliando o concepto de benestar e aplicando medidas e ferramentas de conciliación.

Pon o foco, sobre todo, en catro áreas temáticas: Cultura libre e cultura dixital, espazos públicos e sociais, medioambiente e espazos naturais e o ámbito da reprodución e os coidados

Tamén chama a impulsar a interacción e a comunicación entre as prácticas de cooperación social: conectando e construíndo comunidades de afectados, conectando contornas produtivas e afinidades colectivas, apoiando iniciativas que produzan o contaxio de experiencias, construíndo ferramentas para compartir saberes e creando de redes de intercambio mutuo. Igualmente, pide simplificar e transformar os protocolos institucionais e da lexislación vixente para que sexan máis permeables ás iniciativas cidadás.

Finalmente, propón "salvar as distancias entre as institucións e as prácticas", instituíndo mecanismos de relación directa dos cidadáns coa UE e os gobernos locais. Así mesmo, demanda promover o desenvolvemento comunitario, outorgando o recoñecemento, os espazos e o financiamento necesarios para as prácticas de cooperación sociais, dándolle carácter de infraestrutura de valor social ás prácticas cooperativas cidadás arraigadas nos contextos locais.

Imaxe do encontro celebrado en setembro en Vigo CC-BY-NC-SA Cooperland
Imaxe do encontro celebrado en setembro en Vigo CC-BY-NC-SA Cooperland
Presentación das conclusións en Bruxelas CC-BY-NC-SA Cooperland

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.