O xuíz do caso Alvia rexeita todos os recursos contra o peche da instrución

Concentración das vítimas do accidente do Obradoiro, o pasado ano © Plataforma Víctimas Alvia 04155

O xuíz do caso Alvia mantén a súa posición, expresada xa o pasado mes de outubro, e vén de rexeitar todos os recursos presentados contra a decisión que situaba o maquinista Francisco José Garzón como único imputado por 80 homicidios con imprudencia grave. Nun novo auto, Andrés Lago Louro rexeita os once recrusos, entre eles os das principais asociación de vítimas e o da defensa do maquinista. 

Con esta decisión, desbota a posibilidade de máis probas para clarexar diferentes dúbidas que segue a haber arredor do accidente, como a desactivación do ERTMS ou o sobrepeso do ferrocarril que denunciaron algunhas vítimas. Agora, terá que ser a Audiencia Provincial da Coruña a que decida se pecha a instrución e convoca o xuízo oral ou se hai que seguir investigando. Segundo este auto, non habería "causa ningunha" no deseño da infraestrutura ou do material que "contribúa causalmente" ao accidente.

O pasado mes de outubro, despois de máis de dous anos de dilixencias, o xuíz pechara a instrución, na que se exculpou de responsabilidade a todos os altos cargos de ADIF e representantes políticos. Antes, a Audiencia provincial da Coruña levantara as imputacións que pesaban sobre a cúpula da empresa.

Un total de 12 dirixentes da compañía -os que formaban parte do seu Consello de Administración en 2011-, así coma outros cargos e técnicos (un total de 27), foran inicialmente citados a declarar polo xuíz que iniciou a instrución do caso, Luis Aláez, que advertira neles unha carga de responsabilidade polas decisións adoptadas en canto á seguridade na liña, en particular pola ausencia do sistema ERTMS. Nin nas vías nin no tren existía activo ningún sistema de seguridade de apoio que puidese evitar ou paliar o fallo humano do maquinista. Porén, a Audiencia da Coruña considerou que aínda que a ausencia deste sistema podía implicar un perigo, non supuña infracción ningunha nin incumpría a normativa.

Autoridades no lugar do accidente © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.