O xuízo do Prestige, visto para sentenza case once anos despois da catástrofe

López Sors declara no xuízo do Prestige Dominio Público Praza Pública

Visto para sentenza máis de dez anos despois da catástrofe. O xuízo do Prestige celebrou este mércores a súau última sesión, na que o xefe de máquinas do buque, Nikolaos Argyropoulos, aproveitou a quenda de última palabra para pedir "perdón" a Galicia polos danos causados pola marea negra provocada polo afundimento do barco naquel novembro de 2002.

O xefe de máquinas do Prestige pediu "perdón" a Galicia polos danos causados pola marea negra

Por outra banda, os outros dous acusados, o capitán do buque, Apostolos Mangouras, e o único cargo político que está no banco dos acusados, o ex director xeral da Mariña Mercante, José Luis López Sors, limitáronse a darlle grazas ao tribunal polo labor realizado durante os nove meses de sesións orais que acumulou o xuízo até este día.

Tamén presentou as súas conclusións finais a defensa do ex exdirector xeral da Mariña Mercante. A letrada Consuelo Castro -que interveu en galego malia que o seu cliente pedira interpretación simultánea- xustificou o afastamento do buque da vía de tráfico marítimo ante a alerta de "afundimento inminente" do petroleiro e alegando que achegalo á costa podería ter provocado peores danos aínda.

A defensa de López Sors xustificou o afastamento do buque da costa

Do mesmo xeito, defendeu a actuación de López Sors ao asegurar que no seu comportamento na catástrofe do Prestige "non se aprecia ningún trazo de neglixencia" e asegurou que o ex director da Mariña Mercante "contemplou todas as alternativas" e escolleu "a máis prudente",  que era, segundo a letrada, afastar o petroleiro.

 

"Hai máis implicados"

Por outra banda, o maxistrado da Sección Primeira da Audiencia Provincial da Coruña, Juan Luis Pía, presidente do tribunal, asegurou que "hai máis implicados" que os xulgados neste proceso.

Tras deixar este mércores visto para sentenza o xuízo, en declaracións aos medios, o maxistrado asegurou que botou de menos máis implicados" que os xulgados neste proceso, que sentou no banco dos acusados ao capitán do buque, Apostolos Mangouras; ao xefe de máquinas, Nikolaos Argyropoulos e ao exdirector xeral da Mariña Mercante, José Luis López Sors.

"É obvio que hai máis xente implicada no sinistro, tanto responsables políticos como non políticos", afirmou Juan Luis Pía, que se referiu en concreto ás persoas da contorna do buque.

Mangouras declara no xuízo do Prestige Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.