Foron numerosas as mostras de condolencia que este venres se produciron en Santiago ao coñecer que falecera Xosé Manuel Rodríguez-Abella (Santiago, 1957). Rodríguez-Abella era o pedagogo municipal, xefe do departamento de Educación do Concello, o mesmo que a finais dos anos 80 do século pasado contribuíu de forma esencial a poñer en marcha en tempos do alcalde Xerardo Estévez e que despregou durante tres décadas con iniciativas que tornaron en emblemas da capital galega.
"Puxo en marcha programas e accións pioneiras na innovación pedadgóxica e na galeguización do ensino; foi un bulebule da pedagoxía de sorriso permanente"
O nome de Rodríguez-Abella, figura tan sorrinte como discreta a traballar ao carón dos diferentes gobernos municipais, estará para sempre ligado a iniciativas como EducaCompostela, o nacemento da Escola Municipal de Música, o prestixioso Premio Compostela de Álbums Ilustrados, ou o recoñecemento de Santiago como Cidade Educadora. Son innumerables as unidades didácticas e proxectos educativos que chegaron ás aulas da capital co seu impulso.
O agarimo por Xosé Manuel Rodríguez-Abella e a mágoa pola súa perda chegou tamén dende Nova Escola Galega, colectivo de renovación pedagóxica co que estivo moi implicado. "Invádenos a tristura" pola morte "do compañeiro infatigable e agarimoso que pulou por facer realidade os valores e as oportunidades da Cidade Educadora", sinalan.
Rodríguez-Abella (esquerda), durante un acto de conmemoración de Santiago como Cidade Educadora / Concello de Santiago
"O Departamento de Educación naceu con el e el consolidouno con dedicación, profesionalidade e agarimo"
NEG lembra que Rodríguez-Abella "puxo en marcha programas e accións pioneiras no ámbito da innovación pedagóxica" e tamén "da galeguización do ensino no Concello de Santiago". "Foi un bulebule da pedagoxía, do sorriso permanente, da actitude sempre receptiva e xenerosa" e por iso "quedamos coa inmensa sorte de termos compartido un longo e ilusionante camiño" con el, evocan.
As condolencias chegaron tamén dende o actual goberno municipal de Santiago, co que veu desenvolvendo tamén un intenso traballo ata que no último ano a enfermidade lle impediu continuar. O alcalde da cidade, Martiño Noriega, transmitiu o seu pesar especialmente cara á muller e os dous fillos de Rodríguez-Abella, por "toda a viña que tiña por diante" e recoñeceu "toda a súa achega ao departamento de Educación durante tantos anos". O concelleiro de Educación, Manuel Dios, subliñou que o departamento que agora el dirixe "naceu con el e el consolidouno con dedicación, profesionalidade e agarimo". "Temos que estarlle eternamente agradecidos" a quen "deixa un oco imposible de encher", afirma.
"Sentiremos a súa presenza nas nenas e nenos que crucen o limiar dos libros"
Tamén a editorial Kalandraka, colaboradora do Concello santiagués en numerosos proxectos educativos, manifestou o seu pesar polo pasamento de Rodríguez-Abella entre lembranzas do seu labor en iniciativas como a Campaña Municipal de Animación á Lectura. "Contribuíu a aglutinar as inquedanzas dos docentes e das familias", destacan, para salientar que "non será tópico sentirmos en diante a súa presenza en cada nova fornada do certame do álbum ilustrado, nos acordes que amenicen futuras cerimonias" cos instrumentos da Escola Municipal de Música ou "nas nenas e nenos que crucen o limiar onde se abran ao universo de aventuras e ao torrente de emocións que se agochan nas páxinas dos libros".