Só 6 trens diarios (e con duracións que duplican á do autobús) unen A Coruña e Ferrol, un traxecto que sumada a poboación de todos os concellos polos que pasa a liña acada o medio millón de habitantes. Dende hai anos a Plataforma en Defensa do Tren A Coruña – As Mariñas vén mobilizándose en reivindicación dun servizo ferroviario digno para estas comarcas, co obxectivo final da posta en marcha dun verdadeiro tren de proximidade (Galicia é a única comunidade litoral que carece del). Un tren que axude a diminuír os coches que todos os días entran e saen da Coruña e mellore as comunicacións internas da futura área metropolitana.
Porén, dende hai moitos anos as prioridades dos distintos gobernos parecen outras: a aposta pola alta velocidade e a conexión coa meseta en prexuízo do tren convencional e as comunicacións interiores, o progresivo abandono de liñas, diminución de frecuencias e peche de estacións para conformar unha profecía autocumprida: se o tren non ofrece un servizo axeitado a xente non o usa, se a xente non o usa dá perdas e hai que pechalo.
A mobilización por un tren digno vai collendo velocidade. O pasado ano a Plataforma conseguiu que se aprobasen mocións en apoio do tren A Coruña-Ferrol en varios concellos (entre eles o da Coruña) e tamén na Deputación. E esta semana nove concellos (Narón, Neda, Fene, Pontedeume, Miño, Betanzos, Cambre, A Coruña e Ferrol) asinaron unha declaración institucional na que demandan accións inmediatas para mellorar o servizo, con máis frecuencias e menor duración do traxecto, de cara a conformar nun futuro próximo un verdadeiro tren de proximidade. A Plataforma prepara máis accións institucionais e sociais para os vindeiros meses, que tamén estarán coordinadas con entidades en defensa do tren doutros lugares de Galicia e do Estado. Falamos co seu voceiro, Alberto Díaz Ruíz.
"Parece que por fin callou a mensaxe de que hai que remodelar a liña A Coruña-Ferrol e as liñas do ferrocarril convencional en xeral"
Semella que a demanda da mellora do tren convencional está collendo folgos e visibilidade nos últimos meses. Percibídelo así?
Parece que por fin callou a mensaxe de que hai que remodelar a liña A Coruña-Ferrol e as liñas do ferrocarril convencional en xeral. Non só centrarse en mellorar a conexión coa meseta, senón todas as conexións no interior de Galicia. Nós levamos anos pedindo que se invista no ferrocarril convencional, que se está deixando que se deteriore dunha maneira grave. Esperemos que non sexa a crónica dunha morte anunciada, porque cando se suprimen trens e hai menos servizos, a consecuencia é que hai menos viaxeiros e, ao final, é un círculo vicioso. Levamos anos advertíndolle a todos os concellos que este era o camiño marcado, que o servizo se ía ir degradando. Estámolo vendo no FEVE moi claramente, que está caendo a pedazos.
"Cando os servizos funcionan ben, o tren ten unha grande aceptación polos usuarios"
Non se trata, ademais, de reivindicar unha reliquia do pasado. En moitos lugares e liñas, algunhas ben próximas, o tren de proximidade funciona perfectamente e ten unha gran demanda...
Cando os servizos funcionan ben, o tren ten unha grande aceptación polos usuarios. Os viaxeiros usan o tren, porque é moito máis económico, máis cómodo e moito menos contaminante. É importante ademais que se faciliten bos aparcamentos nas estacións e a posibilidade de conectar con outro medios de transporte, coma o autobús.
"Cando se fixo o trazado do Eixo Atlántico, de ter desviado un pouquiño o trazado ata Lavacolla teríamos un aeroporto conectado por tren con Coruña e Vigo, a media hora de distancia das tres cidades"
Poderíase mesmo adaptar as liñas ou as estacións ás novas necesidades e núcleos de poboación que foron gañando poboación nos últimos anos. Vós incidides especialmente nas conexións cos aeroportos e a universidade...
Si, por exemplo cando se fixo o trazado do Eixo Atlántico, de ter desviado un pouquiño o trazado do tren, ata Lavacolla, teríamos un aeroporto conectado por tren con Coruña e Vigo que podería funcionar como aeroporto para as tres cidades a menos de media hora de distancia de todas elas
Como valorades dende a Plataforma a declaración realizada polos concellos o outro día? Parécevos acertada esa reivindicación de melloras puntuais a curto prazo e a demanda do tren de proximidade a medio prazo?
O importante é comezar a mellorar a liña e o servizo, e ir sumando medidas que conduzan á mellora total do trazado. Non se trata de facer grandes obras, porque o que non podemos facer é afastar o ferrocarril das poboacións. A vía pode manterse, mellorándoa, reducindo radios de curvas e electrificándoa, o que lles permite aos trens ter máis axilidade.
"O importante é comezar a mellorar a liña e o servizo, e ir sumando medidas que conduzan á mellora total do trazado. Non se trata de facer grandes obras"
Vós apostades igualmente polo fomento do uso do tren para o transporte de mercadorías, algo que a diferenza doutros lugares de Europa, en España foi totalmente deixado de lado. Nese aspecto ábrese tamén unha oportunidade para estas comarcas?
Sempre foi unha das nosas reivindicacións: o ferrocarril non é só o ferrocarril de viaxeiros. O ferrocarril permite transportar cantidades moi grandes de mercadorías co mínimo impacto medioambiental, no mínimo espazo, de forma máis barato e con menor prexuízo para a cidadanía en materia de tráfico de vehículos ou contaminación. O tren en España move apenas o 5% do transporte, e case todo está xa en mans privadas. Hai que fomentar o transporte por ferrocarril e que os beneficios xerados revertan no propio tren, nas infraestruturas. Iso é o que permitirá que o tren sexa sostible.
"Onde se lles permita, onde non haxa protestas, van seguir degradando e privatizando o servizo, pero onde a xente se mobilice para evitalo, vanse ver obrigados a manter o tren e a investir nel"
Credes que se pode reverter as tendencias á privatización e ao fomento da alta velocidade en detrimento do tren convencional?
Iso non vai cambiar. Hai un deseño do ferrocarril en toda Europa nunha dirección moi determinada: Vías de alta velocidade, corredores de mercadorías en mans privadas... Todo é un engano para poñer en mans privadas o público. E ese deseño estanos levando á perda de emprego público e de calidade, a un gran deterioro dos servizos e a un proceso de privatización incrible. Non hai persoal para reparacións, non hai interventores..., a degradación do ferrocarril está sendo gravísima. Onde se lles permita, onde non haxa protestas, van seguir degradando e privatizando o servizo, pero onde a xente se mobilice para evitalo, vanse ver obrigados a manter o tren e a investir nel.