Djiby Fall e Adama son coruñeses, viven na cidade dende hai anos e colaboran intensamente na Asociación sen Papeis, coa colaboración de Nicanor Acosta, que lles cede o local do Fórum Própolis, na rúa Barcelona. Reivindican que “África non é pobre, quitáronnos os recursos” e esixen o seu dereito a vivir e traballar en Galicia. Mira a segunda parte do vídeo realizado por TingaLaranga AudioVisual e Laura L. Ruiz.
Conferencias de Eduardo Romero en Galicia
Por outra banda, a Asociación Sen Papeis da Coruña organiza este venres 17 de febreiro, na galería Sargadelos da Coruña, unha charla-coloquio onde falarán Eduardo Romero e Djiby Fall. Eduardo Romero presentará o libro ¿Quién invade a quién? Del colonialismo al II Plan África e analizará as políticas migratorias no Estado español e na UE e a súa relación cos procesos postcoloniais en África. Eduardo Romero é membro da Asociación Cambalache de Asturias e do seu Grupo de Inmigración. Autor de varios libros, un deles deu pé á campaña Ninguén sobra nunha crise. Djiby Fall é membro da Asociación sen Papeis da Coruña e exporá a realidade migrante na cidade. Djiby Fall falará da situación das persoas migrantes e a súa problemática na cidade da Coruña, como membro da Asociación sen Papeis da Coruña.
Eduardo Romero, que estivo este martes na asociación cultural Bou Eva (Tercio de Fóra 11) en Vigo, participará esta semana en dous actos máis no noso país: o mércores 15 en Compostela, no local da CUT (Rúa do Sar 93), ofrecerá unha palestra aberta sobre as políticas migratorias e os dereitos das persoas migrantes. O xoves 16 ás 19.30 falará na Galeria Sargadelos de Ferrol nun acto organizado pola asociación cultural Fuco Buxan.