Orzamentos: Moito cemento e poucas políticas sociais, segundo o COTSG

Marta Capeáns, presidenta do COTSG © COTSG

A presidenta do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG), Marta Capeáns, valorarou este mércores “negativamente” os Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2016 presentados polo Goberno. Capeáns destaca a "rebaixa de case 100 millóns de euros, o que porcentualmente significa unha redución do 1,6%” e, sobre todo, que “o investimento en cemento é manifestamente maior que nas políticas sociais, cando a prioridade neste momento son as persoas, non as grandes infraestruturas”.  Neste sentido, o Colexio salienta que máis da metade do gasto “programado, porque logo está o executado realmente”, está destinado ao AVE e partidas vencelladas coa alta velocidade.

O Colexio salienta que máis da metade do gasto “programado, porque logo está o executado realmente”, está destinado ao AVE e partidas vencelladas coa alta velocidade

Para Capeáns, “o discurso do Goberno indicando o carácter social destes orzamentos non reflicte a realidade”, pois non se volve sequera a niveis anteriores "que aínda que sendo mellores, tamén eran claramente insuficientes”. Os e as profesionais “vemos día tras día a saturación dos servizos sociais, cun incremento da demanda do 70% dende 2011, e vemos que as axudas son escasas e insuficientes”, di. O Colexio Oficial de Traballo Social indica que o Plan Concertado, a partida coa que o Estado cofinancia con autonomías e concellos os centros municipais de servizos sociais, foi conxelada por terceiro ano consecutivo, logo de sucesivas rebaixas, un 70% nos últimos cinco anos. E demanda, en consecuencia, “aumentar esta partida pola súa importancia estratéxica para o mantemento da rede pública de servizos sociais”. Marta Capeáns destaca neste senso que os centros municipais, “son a porta de entrada ao sistema, e a través de elas solicítanse axudas como o da dependencia ou as rendas mínimas”.

No ámbito da dependencia, o COTSG subliña que o incremento de 75 millóns proposto non será suficiente. No ano 2015 esta partida conxelouse, a pesar da entrada de máis de 310.000 dependentes máis que ata o de agora non tiñan dereito a axudas, ao que hai que engadir outras 130.000 persoas, con graos máis elevados de dependencia, que están en lista de espera.

"Estamos deixando ao Estado de Benestar para volver á beneficencia”, conclúe a presidenta do COTSG

Os e as profesionais de referencia no sector do social levan anos denunciando un cambio de modelo. “A responsabilidade publica do Estado e das administracións estase derivando ao terceiro sector" -din- "que debe ser complementario". "Estamos deixando ao Estado de Benestar para volver á beneficencia”, conclúe a presidenta do COTSG.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.