Os 20 principios para o "bo trato" na vellez

Dous anciáns agárranse da man CC-BY-SA Praza Pública

Este xoves celébrase o Día Internacional de toma de conciencia do abuso e maltrato na vellez. Coincidindo con esta data, o Consejo General de la Psicología de España impulsa un manifesto con recomendacións para mellorar a calidade de vida na terceira idade, impulsado en Galicia como Colexio Oficial de Psicoloxía. No ano 2016 o 24,31% da poboación galega tiña máis de 65 anos e a previsión é que no ano 2031 a porcentaxe chegue ao 31,33%. De feito, segundo estas proxeccións, nese ano 30 comarcas terán tres veces máis maiores de 65 anos que menores de 20 e as persoas maiores de 55 anos serán a metade da poboación galega.

No ano 2031 o 31,33% da poboación galega terá máis de 65 anos e as maiores de 55 serán maioría

O Colexio de Psicoloxía advirte de que "o maltrato non sempre é evidente, senón que en moitas ocasións pode pasar inadvertido e pode agocharse detrás de comportamentos neglixentes e de abandono que provocan, de forma invisible e silenciosa, exclusión e incluso enfermidade non só física, senón tamén mental". O concepto de maltrato sobre os maiores inclúe por este motivo "non só os actos violentos sobre estas persoas, senón que ten en conta a falta de medidas axeitadas para evitalo". Os psicólogos difunden un manifesto cunha vintena recomendacións e principios fundamentais do bo trato, acompañadas dunhas recomendacións para evitar estas prácticas:

"O maltrato non sempre é evidente, senón que en moitas ocasións pode pasar inadvertido e pode agocharse detrás de comportamentos neglixentes e de abandono que provocan exclusión"

  • Dereito a decidir. Evitar que os outros decida por el ou por ela, aínda que a veces, a decisión que tome sexa contraria ao que pensan as persoas coas que convive e aman ao maior.
  • Dereito a opinar. A súa opinión ten o mesmo peso que o de outros membros do seu ámbito social, familiar ou comunitario.
  • Dereito a aprender. Manter o desexo de aprender é unha fortaleza que mostra curiosidade polo mundo que o rodea
  • Dereito a namorar. A persoa maior ten dereito a amar, sen sentirse axuizado ou culpable
  • Dereito a expresar as emocións e os sentimentos.
  • Dereito a denunciar.
  • Dereito a xestionar o seu patrimonio. O patrimonio acumulado é froito do traballo de toda unha vida e soamente a persoa maior debe decidir sobre o mesmo sen delegar en ninguén, sen ser coartado, condicionado ou manipulado por terceiros, ben sexan do ámbito familiar ou do ámbito social.
  • Dereito a vivir máis e mellor. A persoa maior ten dereito a vivir nunhas condicións dignas, dereito a unha asistencia psicolóxica, sanitaria e social axeitada as súas necesidades
  • Dereito a acceder ás novas tecnoloxías. As persoas maiores poden integrarse e formarse nas TIC
  • Dereito a gozar da súa sexualidade

O Colexio de Psicoloxía defende o dereito das persoas maiores a non ser tratadas de forma infantil, a xestionar o seu patrimonio ou a decidir sobre a súa propia morte

  • Dereito a decidir sobre a súa propia morte. A vontade sobre o dereito a unha morte digna das persoas debe ser respectada mediante a elaboración dun testamento vital no caso de perda das facultades intelectuais. Esta vontade debe articularse a través dunha lexislación que vele polo dereito a morrer dignamente
  • Dereito a preservar a identidade persoal e a dignidade. Dereito á liberdade, á autonomía, a ter un trato acorde a súa historia de vida, a ser respectado nas decisións, a que se lle dea a información sobre o estado de saúde e decidir que fai con ela.
  • Dereito a non ser tratado de maneira infantil, evitando falarlle demasiado lento, como se non fora capaz de comprender o que se lle está dicindo, ou co volume moi alto, porque se dá por sentado que está xordo. Evitar, ademais, utilizar frases e vocabulario infantil.
  • Dereito á intimidade. Non acceder aos espazos privados sen chamar, non abrir as súas cartas recibidas por correo postal
  • Dereito a ter o control. As persoas maiores deben ter control sobre as súas pertenzas, cartilla bancaria, correspondencia, teléfono, pensión
  • Dereito a non ser inmobilizado, evitando as subxeccións das persoas mediante elementos de fixación física ou os tratamentos farmacolóxicos que anulan a capacidade de mobilidade das persoas.
  • Dereito a non ser polimedicado innecesariamente

Ademais, piden "coidas as persoas coidadoras"

Ademais, os órganos oficiais dos psicólogos e psicólogas propoñen a difusión de campañas de sensibilización sobre o valioso das persoas maiores, promover a participación das persoas maiores na sociedade, a eliminación da linguaxe estigmatizante (como “clase pasiva”, “asistido”, “enfermo de”...) e promover servizos e leis específicas destinadas ao maltrato á persoa maior. Así mesmo, piden "coidas as persoas coidadoras", poñendo en marcha campañas de sensibilización sobre as persoas que coidan destas persoas (maioritariamente mulleres), achegándolles servizos de apoio psicolóxico "para aliviar a sensación de sobrecarga que aparece froito do estrés dos coidados". 

 

Dous anciáns agárranse da man CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.