Os afectados pola mina de feldespatos en Xinzo lémbranlle a Feijoo a "ilegalidade" do proxecto

Cartaz da plataforma Corno do Monte © http://cornodomonte.wordpress.com

Son varios os colectivos que amosan o seu frontal rexeitamento ao proxecto mineiro a ceo aberto para a extracción de feldespato en Xinzo de Limia, xa que, como advirte o SLG, "atentaría directamente contra os intereses das explotacións agrarias da zona". A plataforma veciñal Corno do Monte envíalle ao presidente da Xunta unha carta aberta que denuncia a imposibilidade legal de levar adiante o proxecto mineiro e tamén a alta produtividade agro-gandeira destas terras. A plataforma agrupa os veciños de San Pedro de Laroá, Laroá, Fiestras, Seoane, Faramontaos, Moreiras, Paredes e Rebordechá.

O proxecto mineiro afecta máis de 400 hectáreas de terras agrarias nestes lugares. Nestas parroquias téñense investido millóns de euros do erario público en concentracións parcelarias e diversas infraestruturas para potenciar o uso agrícola do solo, un dos máis ricos e fértiles da bisbarra, como melloras de vías de comunicación ou regadío. Do mesmo xeito, as familias que traballan estas terras tamén teñen feito investimentos millonarios para poder facer posible unhas producións agrarias que esixen un alto grao de mecanización, tal e como recorda o Sindicato Labrego Galego.

A carta péchase indicando que estas terras "dan sustento de forma directa a mais de 100 familias e indirectamente a máis do dobre"

A carta aberta que lle remiten ao presidente da Xunta alude ao artigo 37 da Lei do solo de Galicia 9/2002, do 30/12/2002 de Solos rústicos de protección agropecuaria e de protección forestal, que prohibe as "actividades extrativas, incluida a explotación mineira, canteiras e extracción áridos ou terras". Tamén lle lembran outras razóns para protexes estas terras se alta produtividade agro-gandeira, inseridas nunha concentración parcelaria realizada a partir dos anos setenta e que recibiron grandes axudas da UE, "así como as nosas propias inversións para modernizalas", lembran. A carta péchase indicando que estas terras "dan sustento de forma directa a mais de 100 familias e indirectamente a máis do dobre".

Cartaz da plataforma Corno do Monte © http://cornodomonte.wordpress.com
© Plataforma veciñal Corno do Monte

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.