Os alcaldes de CxG consideran insuficientes as medidas do Goberno contra os desafiuzamentos

Pérez Bouza, Bascuas e Marrube, en rolda de prensa CC-BY-SA CxG

Os responsables de CXG en Ourense e Galicia, Xosé Manuel Pérez Bouza e Xoán Bascuas compareceron este venres na sede da formación galeguista na capital das Burgas para criticar as medidas do Goberno en materia de desafiuzamentos recentemente aprobadas. Pérez Bouza considerou unha “vergoña” que PP e PSOE non se sentaran a falar desta grave situación “ata que houbo mortos”, en relación aos suicidios rexistrados por personas que ían ser desaloxadas das súas vivendas polo impago das mesmas, pero “si solucionaron en dúas tardes reformas de máis calado para beneficiar a especuladores”.

Os dous alcaldes que ten CXG en Ourense, Xabier Oviedo de Maceda e Xan Jardón de Vilar de Santos garantiron que ningún veciño destas localidades quedará na rúa por un desafiuzamento

Para Pérez Bouza a reforma aprobada de xeito unilateral polo PP é “claramente insuficiente”, xa que carece de efectos retroactivos e realmente afecta “a unha moi pequena porcentaxe de posibles desafiuzamentos” polas limitacións e condicións que reflicte, entendendo que “non se soluciona o problema”. Pola súa banda, Xoán Bascuas entende que estamos ante unha cuestión que precisa cambio de maior calado que evite os abusos que se producen na actualidade por parte da banca e propuxo a reforma da Lei Hipotecaria, para que se contemplen alugueres sociais para todos os afectados pola crise económica que se ven na situación de non poder pagar a hipoteca ou o aluguer da súa vivenda. Propuxo ademais que os concellos “presionen ás entidades bancarias en defensa dos cidadáns” para rematar dunha vez por todas con esta situación.

Anunciaron presión ás entidades bancarias e incluso a posibilidade de retirar fondos e deixar de traballar con elas, ademais de posibles axudas directas aos prexudicados

Os dous alcaldes que ten CXG en Ourense, Xabier Oviedo de Maceda e Xan Jardón de Vilar de Santos garantiron que ningún veciño destas localidades quedará na rúa por un desafiuzamento. Anunciaron presión ás entidades bancarias e incluso a posibilidade de retirar fondos e deixar de traballar con elas, ademais de posibles axudas directas aos prexudicados por estas medidas e unha discriminación positiva nas contratacións municipais para quen non poda pagar e estea sen ingresos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.