Os apicultores galego denuncian que se mantén a elevada mortandade das abellas

Abellas mortas preto de Xátiva (Valencia) © COAG

Nos últimos meses asistimos a algunha boa nova para as abellas e para a apicultura. A presión social, en Galicia e en toda Europa, levou á Xunta a deter as previstas fumigacións masivas, e á Comisión Europea a prohibir o uso de insecticidas neonicotinoides, pero só nalgúns casos e por un periodo de dous anos. Xa hai unhas semanas, en entrevista con Praza, Suso Asorey, secretario técnico da Asociación Galega de Apicultura (AGA), sinalaba que "o problema segue estando aí. A mortandade anual de abellas, que era dun 9 ou 10 por cento pasou a ser do 30 ou do 40 por cento debido a estes produtos". Explicaba que a medida adoptada pola UE "non é suficiente, é un parche que non vai solucionar o problema" e subliñaba que "non hai máis solución que promover unha agricultura sostible e compatible coas leis do medio ambiente. E eliminar estes praguicidas, que matan as abellas e outros polinizadores, que acaban coa biodiversidade e que fan que a agricultura actual sexa inviable pola falta de polinización". Lembraba que ao redor dun 84% das especies vexetais e un 76 % da produción alimentaria en Europa dependen da polinización por parte das abellas.

A Asociación Galega de Apicultura (AGA) vén de denunciar que no pasado inverno, que vimos de abandonar, esa elevada mortandade das abellas se mantivo en cifras moi elevadas, cualificando de "catastrófica" a situación en Galicia

A Asociación Galega de Apicultura (AGA) vén de denunciar que no pasado inverno, que vimos de abandonar, esa elevada mortandade das abellas se mantivo en cifras moi elevadas, cualificando de "catastrófica" a situación en Galicia. AGA culpa do sucedido aos insecticidas neurotóxicos e sinala que a situación se mantén case inalterable dende que en 1994 apareceron no mercado estes produtos, que "están provocando unha situación de indefensión total por parte do sector apícola e levando a moitos apicultores a ruína".

A asociación lembra que "está prohibido usar sementes de millo tratada con insecticidas (grans colorados)" dende o mes de decembro do ano pasado, polo que lles pregan "encarecidamente aos labregos que non usen estas sementes tóxicas para as abellas, medio ambiente e para a cadea alimentaria". De igual xeito, sinala que "estamos vendo agora mesmo, como nos campos se están usando masivamente herbicidas para preparar as leiras para a sementeira do millo, isto significa un envenenamento masivo das nosas terras e que sen dúbida pasará a cadea alimentaria". AGA esixe "a prohibición total destes insecticidas e unha política agraria totalmente diferente, basada nunha agricultura sostible e respectuosa co medio, na rotación de cultivos e na polinización como o factor determinante da nosa produción agraria".

Préganlles aos labregos "que non usen estas sementes tóxicas para as abellas, medio ambiente e para a cadea alimentaria"

A Comisión Europea vén de presentar os resultados dun informe sobre a mortandade das abellas durante o pasado ano. O estudo sinala que a mortandade é inferior á prevista, pero cómpre ter en conta que na súa elaboración non se tivo en conta o impacto dos pesticidas. A investigación tamén conclúe que situación é máis grave no norte de Europa e nas zonas frías e húmidas ca no Mediterráneo, se sinala o prexuízo causado polas intensas chuvias deste pasado inverno.

Abellas mortas preto de Xátiva (Valencia) © COAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.