Os apicultores reclaman medidas contra o impacto da avespa asiática, que a Xunta minimiza

Unha 'vespa velutina' e unha abella CC-BY-SA Danel Solabarrieta

A avespa asiática (vespa velutina) está aquí e non vai marchar. O primeiro país europeo no que se detectou a presenza da avespa asiática foi Francia, en 2004. En 2010 xa se estendeu a Euskadi e en 2012 a Galicia. Porén, este verán incrementouse notablemente a súa incidencia, e os prexuízos que causa, sobre todo, á apicultura. O Goberno galego, a través da directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, recoñeceu este martes que non será posible a erradicación total da avespa asiática e que será preciso "convivir" con ela. “Por aquí claro que vai quedar, pero hai maneiras de diminuír a súa incidencia", responde Xesús Asorey, presidente da Asociación Galega de Apicultura (AGA).

O principal perigo da avespa asiática neste momento é a súa voracidade, co dano que pode causar á apicultura galega e tamén aos produtores de froita, pois para a súa alimentación esta avespa (ao igual que as que coñecemos de sempre) necesita de proteínas (insectos en xeral, pero sobre todo abellas) e dos hidratos de carbono presentes na froita. O outro gran perigo é a súa gran capacidade para reproducirse e estenderse. Adáptase sen problema ao clima e á contorna natural da costa galega e, pola ausencia de depredadores naturais, o número de avespas en cada niño pode chegar ás 18 mil, cando na súa área de orixe podía ficar reducido a apenas uns 300 individuos. Ademais, de cada colonia poden saír entre 200 e 400 novas nais.

“As persoas que van retirar as colonias traballan nas horas centrais do día, cando sabemos que para eliminar os niños hai que ir ou ben á beira da noite ou á mañá cedo, que é cando están cheos”

Os apicultores galegos demandan, sobre todo, "un plan de actuación e de choque", para "dotar de medios aos equipos encargados de retirar os niños. Protocolo xa hai, pero é un protocolo que non ten medios”. Unha das críticas máis habituais é que os traballos de retirada de niños se realizan durante o día, algo que desaconsellan os expertos. “As persoas que van retirar as colonias traballan nas horas centrais do día, cando sabemos que para eliminar os niños hai que ir ou ben á beira da noite ou á mañá cedo, que é cando están cheos”, explica Asorey. Porén Patricia Ulloa defende a eficacia da medida pois, di. durante as horas do día a raíña permanece no interior e, ademais, cando se retira a colonia instálanse trampas para recuperar tamén o maior número de obreiras. Así mesmo, ante a falta de apoios, moitos están utilizando insecticidas, que os apicultores rexeitan polo prexuízo que tamén causan nas abellas, e tamén se están colocando cebos con veleno. "O ideal sería utilizar medios mecánicos para retirar as colonias e que isto se fixese de forma ordenada", destaca Asorey.

“Pedimos tamén que se investigue, que se estude que sistemas de control se poden establecer”, explican dende a AGA. "Nas súas zonas de orixe estes sistemas de control non son necesarios, porque as avespas teñen depredadores naturais, e as abellas saben como defenderse. Pero mentres iso non pase aquí pedimos medidas de control”, engade Xesús Asorey.

"Nas súas zonas de orixe estes sistemas de control non son necesarios, porque as avespas teñen depredadores naturais, e as abellas saben como defenderse. Pero mentres iso non pase aquí pedimos medidas de control”

Reclaman tamén indemnizacións para os apicultores e fruticultores afectados, "porque eles non foron os causantes da súas introdución" e que o Goberno galego acepte dialogar con eles as medidas a adoptar. Asorey engade que o terceiro colectivo máis prexudicado polas presenza da avespa son os madeireiros: "as avespas non son perigosas, non atacan, pero si o poden facer se ven ameazados os seus niños. Os madeireiros, ao derrubar unha árbore ou realizar algún traballo de corta, poden ser atacados polas avespas, e se algunha persoa é alérxica pode resultar moi perigoso", di.

Ademais das medidas inmediatas, a AGA pide unha planificación a máis longo prazo, un plan de prevención pensando no ano que vén. "Imos entrar no inverno, eses niños van desaparecer, van quedar as nais soterradas no chan e para o ano que vén volverán formar colonias. Colocando trampas con determinadas substancias atraentes, podemos capturar esas raíñas, e cada raíña que capturemos, niño que evitamos. Iso sería fundamental para reducir o número de avespas asiáticas, de xeito que as nosas abellas puidesen ir aprendendo a defenderse delas", reivindica Asorey. "Porén, para nós o primeiro paso que deberían dar sería iniciar un diálogo cos afectados", conclúe, "para eles si que é un gran problema, porque lles está matando as abellas e as colmeas. É unha especie invasora que se converteu nunha praga".

 

A Xunta minimiza o problema

"Para nós, o primeiro paso que deberían dar sería iniciar un diálogo cos afectados. Para eles si que é un gran problema, porque lles está matando as abellas e as colmeas. É unha especie invasora que se converteu nunha praga"

Este martes o BNG presentou unha proposición no Parlamento para esixir un Plan de actuación contra a avespa asiática. Na súa intervención, Tereixa Paz denunciou que o feito de que a Xunta non actuara de maneira planificada contra a presenza deste insecto, que comezou a ser detectado en Galicia en 2012, convertérao "nun grave problema, tanto para a seguridade das persoas como para a  pervivencia das abellas e de moitas colmeas". O BNG criticou a “inacción” da Xunta "por limitarse a facer unha campaña divulgativa en relación coa identificación da avéspora asiática e á concienciación da cidadanía en alertando ao 112 para intentar a eventual eliminación do niño". O Bloque esixiu este plan de actuación "para evitar que na primavera eclosionen milleiros de novas avésporas e niños". As medidas, ao seu xuízo, deben facerse ademais de maneira conxunta coa Asociación Galega de Apicultua, expertos na materia e organizacións ambientalistas e ecoloxistas.

O PP opúxose a esta proposición. O seu deputado José Manuel Balseiro, afirmou que o BNG reclamaba "accións que o Goberno galego xa ten en marcha" e defendeu que no último ano se retiraron un total de 376 niños e capturaron mediante trampas a 9.933 obreiras. Por parte do Goberno galego, Patricia Ulloa minimizou o problema, afirmando que se trata dunha especie que aniña en lugares por debaixo dos 400 metros de altitude, mentres que a maior parte das colmeas de abellas en Galicia están situadas normalmente en zonas máis altas, sobre todo nas montañas de Lugo e Ourense.

Aínda que é certo que non se atoparon colonias por riba dos 400 metros de altitude, os expertos non cren que haxa argumentos para descartar no futuro a acción desta avespa en puntos máis elevados

A avespa asiática esténdese na actualidade por toda a costa galega, aínda que os maiores danos para os apicultores déronse pola Mariña de Lugo, e pola zona do Ortegal, debido a que nesas zonas as condicións climáticas foron aí máis favorables que en ningún outro sitio: húmidas e con temperaturas suaves. Porén, aínda que é certo que non se atoparon colonias por riba dos 400 metros de altitude e que a presenza máis importante se detectou a nivel do mar, os expertos non cren que haxa argumentos para descartar no futuro a acción desta avespa en puntos máis elevados. "De momento, efectivamente, están presentes nas zonas de costa, e están entrando no interior, como moito, a través dos vales dos ríos. Pero que polo de agora non cheguen a máis altitude, non significa que non o poidan facer no futuro, en pouco tempo, tendo en conta á velocidade coa que se foron estendendo", sinala Xesús Asorey.

 

Desinformación

Dende a AGA laméntase que o uso "incorrecto" do cualificativo “avespa asasina” provocara "un efecto de medo fronte a este insecto por parte da poboación

Os teléfonos do 012 e 112 recibiron ao longo deste verán 1.702 avisos por esta avespa (fronte aos ao redor de 400 do pasado ano), dos cales a súa presenza confirmouse en 614 casos. Na súa intervención no Parlamento, a directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, culpou deste incremento a "unha alerta infundada que este verano apareceu nos medios de comunicación". Xesús Asorey coincide neste punto coa representante do Goberno galego, e pide que haxa "máis información", para evitar "alarmismos innecesarios". De feito, dende a AGA laméntase que o uso "incorrecto" do cualificativo “avespa asasina” provocara "un efecto de medo fronte a este insecto por parte da poboación, mesmo chegando a perxudicar as avespas autóctonas, facéndoas responsables dos efectos negativos causados pola vespa velutina".

Este luns 27 de outubro a AGA organiza na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela unha serie de actividades sobre as abellas e as avespas, co obxectivo de dar a coñecer a diversidade de meles monoflorais, a práctica apícola en Galicia e para aprender a distinguir abellas, avespas autóctonas e a vespa velutina. Dende a AGA piden que se alguén descobre algún niño desta especie se poña en contacto co 112 ou coa propia asociación, enviándolles unha foto para confirmar que se trata da vespa velutina e non doutro tipo de avespa.

Concentración da Asociación Galega de Apicultura ante a sede da Xunta en Ferrol © AGA
Unha 'vespa velutina' e unha abella CC-BY-SA Danel Solabarrieta
Concentración da Asociación Galega de Apicultura ante a sede da Xunta en Ferrol © AGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.