Os avogados galegos declaran 'non grato' a Gallardón, no que ven maneiras "ditatoriais"

Mobilización na Coruña, ante o TSXG © Consello da Avogacía

O Consello da Avogacía Galega declara persoa non grata o ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón, unha decisión que foi tomada "por maioría" no pleno celebrado o pasado venres, tal e como sinalou o organismo nun comunicado. Este sábado, Antonio Platas, presidente e decano do Colexio de Avogados da Coruña, compareceu ante os medios para, nunha dura declaración, explicar os motivos que levaron o colectivo a tomar esta drástica medida contra un titular de Xustiza ao que chegou a cualificar de "antidemocrático".

"Gallardón mentiu e enganou os avogados e a cidadanía", denuncia Platas

"Estou ata a médula deste ministro e totalmente en contra del", dixo con contundencia Platas, que xustificou a declaración de persoa non grata ao asegurar que Gallardón "mentiu e enganou" os avogados e a cidadanía, mesmo despois de asegurar no propio Consello da Avogacía que non ía incrementar as taxas xudiciais. O presidente do colectivo galego de avogados critica que "xusto agora que estamos en crise", o ministro "joda os cidadáns" cunha medida que censurou unha e outra vez por "arbitraria e inxusta".

En canto ás taxas, Platas predí que Gallardón "dirá dentro dun ano que hai un 20% menos de preitos", pero a costa dunhas taxas "desorbitadas e disuasorias".

"Non é demócrata, nin de fiar", asegurou o Consello da Avogacía, que cre que Gallardón trata a Xustiza "como o pariente pobre do Estado democrático". "Eu non o quero ver diante, é un impresentable", sentenciou. Platas recriminou que o ministro do PP "fai honra ao seu apelido porque é un gallardo, un arrogante", á vez que o culpou de "crear unha pantalla" coa suba das taxas xudiciais para "non falar do que é importante", que non é outra cousa que a situación "caótica e deficiente" da Xustiza.

"O seu talante non é democrático e ten un tufiño ditatorial", aseguran os avogados galegos

Ademais, Antonio Platas asegura que "o talante de Gallardón non é democrático" e engade que "ten un tufiño ditatorial que se parece ao seu apelido" polas súas maneiras de actuar. Para o presidente dos avogados galegos, o ministro "desprézaos" como ninguén o fixo na historia, polo que o insta a rectificar. Así, pídenlle que tome medidas para acabar co "despropósito" creado e propoñen varias medidas para "mellorar o servizo". Entre elas, a creación de novas unidades xudiciais, a homoxenización da modernización tecnolóxica e o impulso da reforma da Lei Hipotecaria e da Lei de Enxuizamento Criminal.

Os letrados galegos foron os pioneiros no Estado á hora de promover mobilizacións, que foron apoiadas tamén por xuíces, fiscais, ademais de por todos os sindicatos. Os avogados protagonizaron nas últimas semanas concentracións en contra da aprobación das taxas xudiciais por entender que limitan o acceso á Xustiza da cidadanía.

O Consello da Avogacía Galega, creado en 1993, é o órgano superior da administración colexial da avogacía galega, aglutinando a todos os colexios de avogados de Galicia, que conforman os da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo e Ferrol.

Manifestación contra as taxas xudiciais en Ferrol Dominio Público @subiendoelpan

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.