Unha nova fiestra de esperanza ábreselles aos milleiros de ex mariñeiros galegos en Noruega que pelexan polo cobra das súas pensións tras décadas ocupados no país nórdico. Logo da última das ducias de mobilizacións realizadas, desta vez en Compostela o pasado xoves, a asociación que agrupa este colectivo -Long Hope- agarda que se poida chegar a un acordo bilateral entre España e o Estado noruegués que permita paralizar unha vía xudicial na que tamén están moi confiados.
Os cambios no Goberno noruegués provocan que acepte revisar un caso que dera por pechado e abra a vía do acordo bilateral
Os cambios no Goberno noruegués provocan que este novo Executivo estea disposto a revisar o caso que antes daban por liquidado, malia que fora tratado en varias instancias como o Defensor do Pobo. A sociedade nórdica coñece xa unha problemática que antes ficaba agochada e o gabinete da primeira minstra, Erna Solberg, está disposto a reconsideralo.
Así, o Goberno de Noruega transmitiulle a Long Hope que dará unha resposta "nos inicios do mes de xaneiro de 2016", tal e como confirma Øivind Østberg, avogado do colectivo que leva a demanda presentada contra o país nórdico e que ten previsto acabar no Tribunal de Dereitos Humanos. O letrado será quen reciba a comunicación do Estado noruegués. "O cambio no goberno e de ministros non ten importancia desde o punto de vista político, pero é doado pensar que é menos complicado para un novo ministro cambiar a posición que defendía o seu predecesor", confirma o avogado a Praza, que asegura "non saber nada de posibles acordos bilaterais" e que "tan só queda esperar".
O avogado noruegués dos mariñeiros asume que o seu país "ten menos difícil cambiar agora a posición" que mantiña
Ademais, achégase a data na que se presentarán as conclusións da vista celebrada en Estrasburgo pola negativa de Holanda a conceder pensión a traballadores de Austria que cotizaran naquel país. De ser o caso favorable aos austriacos o vindeiro 4 de febrero, o Goberno español -personado como parte- xa prometera empregar esta resolución para exixir a Noruega que resolva o caso dos mariñeiros galegos e devolva os impostos cobrados.
Desde Long Hope aseguran que, de non saír adiante ningunha destas alternativas, non darán "nin un paso atrás" e irán "dereitos ao xulgado". "O noso caso é moi sólido xuridicamente e manteño o optimismo", insiste Øivind Østberg, que aclara que "de recibir unha resposta negativa", está "listo" para continuar coa vía xudicial ata o final. O voceiro de Long Hope, Alberto Paz, insiste na mesma idea e mantén a súa crítica ao actual Goberno do Estado e á Xunta "por non defender os seus nacionais".
Pelexan pola inxusta situación que sofren arredor de 10.000 mariñeiros galegos e as súas familias, que loitan polo cobro das súas pensións. Son ex traballadores da mariña mercante que pasaron longas tempadas traballando en barcos de Noruega e que pagaron elevados impostos a Oslo, pero que agora, despois de retirados, ven como non perciben nada en forma de pensión de xubilación malia estar empregados con contratos legais e logo de pagar elevadas cotizacións sociais de ata o 45% do soldo, uns 520 millóns de euros en impostos.
O Goberno noruegués rexeita o pagamento destas pensións argumentando que os mariñeiros non eran emigrantes ao non estar traballando fisicamente en terra, malia que si pagaban impostos e as súas empresas tiñan a sede no país nórdico. O problema afecta a todos aqueles mariños mercantes que traballaron para compañías de Noruega entre 1952 e 1994, ano no que o Estado se incorporou ao espazo económico da UE e regularizou unha situación da que quedaron fóra milleiros de españois. Segundo a asociación de mariños Long Hope, asociación que xunta os afectados, serían 12.000 os mariñeiros con dereito a estas pensións en toda España e deles, máis do 80% serían galegos.