Os casos de SIDA poden aumentar un 20% pola retirada da tarxeta sanitaria

Recreación do VIH CC-BY-NC-ND Wellcome Images

A Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía Clínica (SEIMC) advertiulle este mércores ao Ministerio de Sanidade que retirarlles a tarxeta sanitaria ás persoas migrantes sen regularizar pode deixar sen tratamento até 3.200 pacientes con VIH que actualmente tiñan controlada a enfermidade, o que podería provocar un incremento dun 20 por cento de novos casos e entre 27 e 50 mortes no primeiro ano.

Estes datos proceden dun estudo do Grupo de Estudo da Sida (GESIDA). O estudo calculou que actualmente pode haber entre 4.000 e 4.600 inmigrantes irregulares con VIH, dos cales entre 1.800 e 3.220 terían a enfermidade xa diagnosticada e estarían en tratamento. A SEIMC explica que aínda que cos tratamentos actuais en España a enfermidade está cronificada, sen o tratamento axeitado a Sida é mortal “nun prazo medio".

"Sae máis caro non tratar"

José Pérez Molina, do Hospital Ramón e Cajal de Madrid, salienta que "o virus non entende de raza nin fronteiras" e que o aforro que se pretende conseguir con esta medida non será tal e, despois de varios anos, podería mesmo reverterse e saír "caro" ao Sistema Nacional de Saúde. "Sae máis caro non tratar", explicou, pois o aforro directo que se conseguiría ao deixar de atender a estes pacientes se sitúa entre 12 a 21 millóns ao ano. Porén, os ingresos hospitalarios por complicacións e os falecementos que ocasionará a medida custarán ao sistema entre 6,5 e 11,7 millóns, polo que o suposto aforro "veríase reducido á metade só no primeiro ano despois de entrar en vigor".

Recreación do VIH CC-BY-NC-ND Wellcome Images

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.