Os colectivos de xornalistas apoian as denuncias de "manipulación" na CRTVG

Unha das novas nas que o PSdeG ve "manipulación" © TVG

O Colexio de Xornalistas, as asociacións de xornalistas da Coruña, Santiago e Lugo e o Sindicato de Xornalistas apoian as iniciativas adoptadas polos traballadores dos medios públicos en defensa da súa independencia e da liberdade de información. A pasada semana o comité de empresa da TVG denunciaba as "presións e intervencións" que reciben "acotío" os profesionais do medio e advirten de que esta situación "agravouse nos últimos meses por mor dos diversos casos de corrupción política que están a sair á luz pública, como por exemplo o caso Pokemon ou, nos últimos días, o chamado caso Bárcenas". A protesta chegou ao Parlamento, onde o PSdeG esixiu a destitución "inmediata dos responsables dos servizos informativos" pola "burda manipulación do caso Bárcenas".

Os colectivos profesionais celebran "o paso adiante dos informadores en defensa do crucial papel dos medios públicos como garantes dunha información plural, veraz e independente e o uso de criterios exclusivamente xornalísticos na elaboración de contidos informativos"

Os colectivos profesionais celebran "o paso adiante dos informadores en defensa do crucial papel dos medios públicos como garantes dunha información plural, veraz e independente e o uso de criterios exclusivamente xornalísticos na elaboración de contidos informativos". De igual xeito, demandan a posta en funcionamento do Estatuto Profesional e do Consello de Informativos, previstos pola Lei 9/2011 aprobada polo Parlamento Galego. Tamén reclama que se poña en marcha a elección do director xeral por maioría cualificada do Parlamento, a escolla de persoas con experiencia profesional acreditada para formar parte do Consello de Administración e a creación dun Consello do Audiovisual, existente en todos os países da Unión Europea, e que en España xa funciona desde hai anos en Cataluña e Andalucía.

Tamén lembran as conclusións do Grupo de Alto Nivel (HLG) sobre Pluralismo e Liberdade de Medios de Comunicación da Comisión Europea convocado pola vicepresidencia da Comisión Europea establecían que todos os países da UE deberan ter consellos de medios de comunicación independentes, con competencias para investigar queixas, comprobar códigos de conduta e conflitos de interese. Eses consellos, segundo os colectivos, deberan ter poderes de aplicación real, como a imposición de multas, a obriga de publicar ou transmitir desculpas, ou a eliminación do estatus de xornalista. De igual xeito, di o HLG, “calquera propiedade pública dos medios de comunicación debera estar suxeita a regras estritas que prohiban a interferencia gobernamental, que garantan o pluralismo interno e que estean baixo a supervisión dun corpo independente que represente a todas as partes interesadas”.

Unha das novas nas que o PSdeG ve "manipulación" © TVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.