Os Comités denuncian a imputación de 11 estudantes polas protestas no Consello de Goberno da USC

Carteis pedindo a dimisión do reitor no Claustro da USC Dominio Público @comitesabertos

Once mozas e mozos, a maior parte deles estudantes da Universidade de Santiago de Compostela, veñen de ser imputados por participar nunha mobilización o pasado 14 de marzo de 2013 que provocou a suspensión, durante un par de horas, da sesión ordinaria do Consello de Goberno da USC. Están acusados dun suposto delicto de desordes públicos, danos e lesións, tras unha denuncia dun membro do corpo de seguridade privada desta Universidade. Deberán declarar en calidade de imputados o vindeiro venres 21 de xuño.

A denuncia indica que as estudantes empurraron, golpearon e roubaron material regulamentario de defensa e que, mesmamente, provocaron desperfectos no edificio da Reitoría da USC. A Brigada Local de Información da Comisaría de Policia de Santiago de Compostela, tras cotexar as imaxes daquela xornada realizadas polos medios de comunicación, chegou a indentificar once das persoas ali presentes.

Os Comités, que apoiaron aquela xornada de mobilización, manifestaron xa "o seu total apoio ás e aos estudantes imputados" e rexeitan "categoricamente os feitos indicados na denuncia", ademais de denunciar "erros formais na identificación de cando menos dúas das persoas imputadas". Os Comités responsabilizan tamám os responsables da seguridade privada da USC "dos momentos de maior tensión naquela xornada contra os recortes na universidade pública". Finalmente, os Comités denuncian tamén unha "actuación policial que busca crear o medo no movemento estudantil da USC e xerar unha criminalización absolutamente excesiva".

Carteis pedindo a dimisión do reitor no Claustro da USC Dominio Público @comitesabertos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.