Os concellos da Arousa rebélanse contra a enésima caricatura como "capital do narcotráfico"

Vista da Pobra do Caramiñal e da súa contorna © Concello da Pobra

"Diana Quer ha desaparecido en el peor lugar posible, un entorno natural abrupto, una zona con una tasa de criminalidad disparada y acostumbrada a vivir con el crimen, a ver, oír y callar. De verdad, nadie sabe nada. ¿Donde está Diana Quer?". O relato, acompañado unha tensa atmosfera musical, corresponde co remate dunha reportaxe do programa En el punto de mira da canle Cuatro, do grupo Mediaset. O espazo televisivo abordou na súa edición desta semana o caso da moza madrileña desaparecida o pasado verán na Pobra do Caramiñal. Ao fío deste asunto, aínda en plena investigación xudicial, a canle trazou a enésima caricatura da vila pobrense e de toda a contorna da ría de Arousa como "capital española do narcotráfico" e da delincuencia en xeral. Desta volta, a esaxeración semellou colmar a paciencia de axentes políticos e sociais da comarca que, cun pouco frecuente consenso, esixen unha "rectificación inmediata".

Tras unhas primeiras horas de múltiplas protestas nas redes sociais, a primeira reacción oficial chegou o pasado mércores dende o Concello da Pobra, que nun comunicado oficial anunciaba a súa intención de reclamar "a rectificación inmediata" destes "comentarios despectivos e falsos" que "non só afectan ao noso concello, senón a toda a comarca e a todos os municipios da ría de Arousa". Todos os grupos políticos do consistorio, avanzaba, "actuarán para defneder a imaxe do noso concello fronte ao mundo".

O programa presentou a vila como "capital do narcotráfico" cunha "taxa de criminalidade disparada"

Na liña do anunciado, vinte e catro horas despois, o xoves, o alcalde da vila, Xosé Lois Piñeiro, compareceu ante a prensa xunto aos voceiros municipais do resto de grupos políticos (PSdeG, BNG e PP) e mais co alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, a alcaldesa accidental de Ribeira, Fabiola García, e o alcalde de Boiro, Juan José Dieste, este último tamén en represnetación de toda a Mancomunidade Arousa Norte. "De non acceder á solicitude" de rectificación "en horario de máxima audiencia", resaltou o alcalde da Pobra, "demandaremos xudicialmente" a canle de Mediaset "para que se restitúa a nosa imaxe e honorabilidade". Ao tempo, o goberno local instou a veciñanza a que "siga, como ata agora, a tratar co máximo respecto a todos os medios de comunicación" que informan dende a vila a respecto da devandita desaparición e "tratan de maneira xusta e veraz o noso concello". "Debemos -agregan- seguir sendo un exemplo de pobo cívico e hospitalario".

O alcalde da Pobra advirte de que, se Cuatro non rectifica, demandarán que o faga a través dos tribunais

A unanimidade da indignación pola presentación de Arousa e narcotráfico como sinónimos completos estendeuse, efectivamente, por toda a ría. Nesta liña, todos os grupos do Concello de Rianxo tomaron a decisión de "trasladar a Cuatro e Telecinco o malestar e repulsa polos contidos distorsionados e falsos" de "diferentes programas" do grupo sobre "o conxunto da ría de Arousa". "Somos un pobo traballador, tranquilo, rico en patrimonio e cultura" e tamén "solidario para saír unido aos camiños a buscar persoas desaparecidas e colaborar coas forzas de seguirdade e cos medios de comunicaciónque informan, a maioría sen incorrer en sensacionalismos, centrados en axudar" a que estas persoas "volvan coas súas familias".

Concellos como Rianxo e Ribeira aprobaron declaracións institucionais para sumarse á petición

Na mesma liña, os cinco grupos políticos da corporación de Ribeira fixeron pública unha declaración institucional de rexeitamento polo que consideran "intolerables descualificacións contra o municipio da Pobra e toda a zona norte da ría". "O tratamento informativo falta á verdade" e "raia na ofensa aos homes e mulleres que poboamos esta terra", uns concellos que ademais, advirte, son receptores de "milleiros de persoas cada verán". "Convivimos e exercemos os nosos dereitos nun clima de liberdade e seguridade", resaltan, polo que, como o resto de gobernos locais, o ribeirense súmase "á esixencia dunha rectificación, tan necesaria como urxente".

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia dirixiuse por carta a Mediaset para esixir unha rectificación

A dimensión do sucedido levou tamén este venres a tomar posición ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. A través dunha carta dirixida ao director de informativos de Mediaset, Juan Pedro Valentín, a Xunta de Goberno do CPXG expresou "a súa alerta por expresións como 'la capital española del narcotráfico'", que "entende que están baseadas en conclusións precipitadas e sen base". "Solicitamos -di a misiva- unha inmediata rectificación que mitigue o dano causado á vila pola imaxe distorsionada que se está a dar dela".

Imaxe da Pobra emitida no programa Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.