Os desaloxados da Yago: "Sabemos que estábamos a molestar, e queremos molestar"

A Sala Yago mantivo dende o xoves unha completa programación cultural © Pablo Nieves

A policía desaloxou pouco despois das nove da mañá as persoas que dende o pasado mércores ocupaba a Sala Yago de Compostela, un vello cinema abandonado na zona vella da cidade. Tras o desaloxo, no que non houbo detidos e que non rexistrou incidentes, un grupo de persoas concentrouse nas proximidades do edificio, sinalando que van "desaloxar o Concello, que ten máis imputados ca nós" e denunciando que a expulsión fora "ilegal", ao carecer de orde de desaloxo

Ao igual que na anterior ocupación do inmoble, os colectivos que levaron a cabo a acción demandaban que o espazo volvese contar con programación cultural, tendo en conta que leva pechado dende o ano 2007. Dende o primeiro momento, declarárono "espazo cultural liberado", comezando o xoves unha completa actividade cultural, con proxeccións, palestras, debates e espectáculos escénicos, ao tempo que penduraban da fachada do edificio faixas nas que se podía ler "Sala Yago, espazo liberado", "¿Rehabilitación? Mentira" ou "Violencia é non chegar a fin de mes".

As persoas e colectivos que puxeron a andar esta efémera programación cultural destacan que "no pouco tempo que duraron as okupacións, desenvolveuse un traballo cultural de base, libre e completamente alleo a empresas e institucións. O vello proxector, do ano 1934, voltou funcionar para ledicia de okupas e viciñas. Houbo charlas literarias, obradoiros para crianzas, proxecións, debates, concertos... e especialmente foi un espazo de convivencia e intercambio, que, creando comunidade, loitou contra a especulación e a corrupción que impera na nosa cidade".

"No pouco tempo que duraron as okupacións, desenvolveuse un traballo cultural de base, libre e completamente alleo a empresas e institucións. O vello proxector, do ano 1934, voltou funcionar para ledicia de okupas e viciñas"

Ademais, veñen de convocar unha concentración de protesta, ás oito da tarde na Porta do Camiño. No chamamento sinalan que "moitas de vós pasastes por esta sala, axudástesnos a desobedecer, a crear e a coñecérmonos un pouco máis nun mundo dominado polo medo e a psicose" e destacan que "a nós nunca nos importou a súa legalidade, esa que eles mesmos vulneran sen contemplacións. Sabemos que estábamos a molestar, e queremos molestar". A concentración, ademais de demandar o regreso da programación cultural á Sala Yago, reclamará a libre absolución para os imputados pola anterior ocupación, para quen a fiscalía solicita penas de até catro anos de cadea, a través dunha "montaxe policial e mediática". Tamén se esixe a disolución do consistorio compostelán, cunha maioría de edís do grupo de goberno imputados.

 

"A alcaldía carece de autoridade moral"

"Calquera persoa honrada desta cidade gobernada por ladróns, estafadores, acosadores laborais e mentideiros entenderá que volvamos a ocupar. Nunca esperamos nada de Pokemons e Pikachus pendentes de xuízo por corrupcións múltiples e variadas"

En 2011, o daquela alcalde da cidade, Gerardo Conde Roa, dixera lamentar que a ocupación se producira "xusto cando o Concello estaba a piques de pechar un acordo" coa familia propietaria do teatro para utilizar as instalacións e recuperar a súa función cultural. Porén dous anos e tres meses despois non houbo ningún avance nin anuncio neste senso e foi esta promesa incumprida polo Goberno municipal o principal argumento desta nova ocupación.

Nun comunicado difundido polos ocupantes o pasado mércores, sinalábase que "a alcaldía carece de autoridade moral para criminalizar esta nova okupación" e que "calquera persoa honrada desta cidade gobernada por ladróns, estafadores, acosadores laborais e mentideiros entenderá que volvamos a ocupar. Nunca esperamos nada de Pokemons e Pikachus pendentes de xuízo por corrupcións múltiples e variadas". Concluían que "non imos permitir o trunfo da especulación que se agocha detrás do abandono premeditado desta sala, de grande interés histórico e social, non imos deixar que caia en ruínas. Por iso voltamos a ocupala, para recuperala, para que volva ás mans de toda a cidadanía e para enchela de novo de actividades".

A Sala Yago mantivo dende o xoves unha completa programación cultural © Pablo Nieves
Fachada da Sala Yago, ocupada Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.