No outono de 2012 entrou en vigor o Real Decreto 16/2012 de medidas urxentes para garantir a sostibilidade do Sistema Nacional de Saúde, unha norma que privou da tarxeta sanitaria ás persoas migrantes que non poidan regularizar a súa situación en España e que deixou sen este dereito a unhas 873 mil persoas no conxunto do Estado, ao redor de dez mil en Galicia. Neste tempo, aínda que nalgunhas comunidades autónomas, como Galicia, se puxeron en marcha iniciativas (o Programa Galego de Protección Social á Saúde Pública) para evitar a exclusión destas persoas, a realidade é que a falta de información e os erros na súa aplicación práctica fixéronas inservibles en moitos casos. Ademais, estas medidas, cualificadas de "parches" por entidades sociais e forzas da oposición, non modifican o ataque que o real decreto supuxo contra o concepto da atención sanitaria universal en España.
A norma "supuxo a perda dun dereito", polo que "calquera alternativa solidaria que se propoña é moi limitada, porque non restitúe os dereitos das persoas", destaca Miguel Fernández, voceiro do Foro Galego de Inmigración
A norma "supuxo a perda dun dereito", polo que "calquera alternativa solidaria que se propoña é moi limitada, porque non restitúe os dereitos das persoas", destaca Miguel Fernández, voceiro do Foro Galego de Inmigración, unha das 60 entidades sociais, profesionais e científicas de todo o Estado que asinan e difunden o manifesto Contra a exclusión sanitaria, en defensa da sanidade universal.
"Con este decreto, a asistencia sanitaria deixou de ser un dereito de todas as persoas, e pasou a ser unha prestación vinculada á condición administrativa de asegurado. Ademais restrínxense certas prestacións e auméntase a carga económica directa para as persoas", destaca o texto, que tamén lembra, botando man de numerosos estudos e opinións de expertos, que "desprazar a atención ás urxencias (se esta se logra) xera atraso diagnóstico e agravamento das patoloxías, o que supón un aumento do gasto sanitario para a súa atención". "Estudos noutros países demostraron que medidas de exclusión sanitaria similares xeraron un gasto ata catro veces maior do que custaría cunha atención inclusiva", engade.
Fernández lembra recentes casos en Galicia de mulleres embarazadas, nenos e nenas que se viron privados da obrigada atención sanitaria gratuíta
O manifesto tamén lembra que mesmo naqueles supostos nos que o decreto recoñece o dereito á atención: embarazadas, menores de idade, atención de urxencias..., "orixináronse numerosos casos de desatención, sen que se tomase ningunha iniciativa para atallar estes incumprimentos". A este respecto Miguel Fernández lembra recentes casos en Galicia de mulleres embarazadas, nenos e nenas que se viron privados da obrigada atención sanitaria gratuíta. De feito, hai tan só unhas semanas o propio Foro de Inmigración denunciou a situación dunha muller procedente de Senegal e o seu fillo pequeno, que foron advertidos de que terían que pagar polas revisións periódicas no seu centro de saúde. Miguel Fernández destaca tamén outros casos de incumprimentos en Galicia, de cidadáns romaneses "a quen se lles nega o dereito de atención sanitaria porque non teñen un papel que especifique que exportan o dereito do seu país".
O manifesto contra a exclusión fai referencia tamén á ineficacia das medidas alternativas propostas por varias administracións autonómicas, o que constitúe unha denuncia recorrente do Foro e de entidades como Médicos do Mundo. Estas asociacións sinalan que moitos inmigrantes que acuden ao Sergas nin sequera son informados da existencia do programa que lles permitiría acceder á prestación sanitaria nin sobre se cumpren os requisitos de acceso. Ademais, requerimentos burocráticos coma a obriga do empadronamento en Galicia de maneira continuada por un período mínimo de 183 días e a complexidade da tramitación tamén se converten nunha barreira. O Foro e outras entidades realizan un labor permanente de información e asesoramento a profesionais e persoas afectadas, e preparan unha campaña máis específica, co obxectivo de que as persoas migrantes que se viron privadas do acceso á atención sanitaria, coñezan estes servizos alternativos.
O texto tamén fai referencia ao "posible impacto de xénero" do decreto, "dados os crecentes obstáculos que están a encontrar as mulleres emigrantes ás cales se lles retirou a tarxeta sanitaria, o que dificulta a detección de casos de violencia de xénero, así como a axeitada asistencia en casos de violencia sexual".
As organizacións asinantes demandan a derrogación do decreto e a elaboración dunha nova Lei de Sanidade
As organizacións asinantes lembran, finalmente, que o Tribunal Constitucional afirmou en dous autos que "o dereito á saúde e o dereito á integridade física das persoas afectadas..., así como a conveniencia de evitar riscos para a saúde do conxunto da sociedade, posúen unha importancia singular no marco constitucional, que non pode verse desvirtuada pola mera consideración dun eventual aforro económico que non puido ser concretado". Por este motivo demandan a derrogación do decreto e a elaboración dunha nova Lei de Sanidade "que naza dun amplo consenso coas diversas forzas políticas, organizacións sociais e sociedades científicas" e que "que estableza as condicións para un Sistema Nacional de Saúde, universal, de calidade, e sostible".