Os ecosocialistas presentarán mocións contra o desmantelamento dos servizos sociais nos concellos

Plataforma en Defensa do Sistema Público Galego de Servizos Sociais © Praza Pública

Espazo Ecosocialista busca chamar a atención sobre os servizos sociais terá a Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local e denuncia que a norma "practicamente os desmantelará" e que os seus profesionais "deixarán de ser municipais e poderán estar sometidos a recortes de plantillas ou a mobilidade laboral". Para a formación "estamos diante dunha cuestión de máxima gravidade pois se a sanidade e o ensino están sendo nun proceso continuo de recortes e privatización, no caso dos servizos sociais pretendese directamente o seu desmantelamento, aproveitando que a poboación non é tan consciente da súa necesidade".

Os profesionais dos servizos sociais "deixarán de ser municipais e poderán estar sometidos a recortes de plantillas ou a mobilidade laboral"

Por este motivo EE presentará mocións nos concelloss e levará o tema ao Parlamento a través do Grupo Parlamentar de AGE. Ademais considera preciso "realizar un profundo traballo de información publica e denuncia para poder mobilizar a paralización deste proxecto e coordinar soa diversos colectivos afectados".

As mocións destacan que "os concellos pola súa proximidade á cidadanía teñen sido centrais, nos últimos trinta anos, no desenvolvemento de políticas sociais activas"

As mocións destacan que "os concellos pola súa proximidade á cidadanía teñen sido centrais, nos últimos trinta anos, no desenvolvemento de políticas sociais activas, mesmo a pesar do escaso interese mostrado polos diferentes gobernos, máis ocupados en políticas urbanísticas máis rendibles electoralmente" e que "as profesionais das políticas sociais municipais contribuíron  inestimablemente na profesionalización destes servizos, no desenvolvemento de disciplinas e prácticas no campo da protección social, do desenvolvemento comunitario, dun exercicio profesional ligado ao territorio, á realidade das familias e as redes sociais".

E denuncian que "as políticas de axuste estanse a converter nunha escusa para que as distintas administracións, derivando responsabilidades de unha a outras, desmantelen as políticas sociais activas con equipos profesionais e con visións globais para pasar no mellor dos casos a políticas de beneficencia ou de coordinación e utilización de iniciativas do terceiro sector que xa existían  rendabilizandoas política e mediáticamente". 

Buscarán o compromiso dos gobernos municipais de "manter na súa integridade as actuais equipas"

As votacións buscarán o posicionamento dos plenos contra o actual anteproxecto de Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local e o compromiso dos gobernos municipais de "manter na súa integridade as actuais equipas de atención primaria ou comunitarios, atención ás toxicomanías, información á muller e maiores" e de non aumentar as externalizacións de servizos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.