Os emigrantes retornados claman por unha solución de vez para as sancións de Facenda

Manifestación de emigrantes retornados en Compostela Dominio Público @obloque

Os emigrantes retornados galegos manifestáronse na mañá deste martes polas rúas de Compostela para reclamar de vez unha solución ás sancións que levan recibindo desde hai meses, cartas nas que se lles reclaman multas, xuros de demora e a contía das declaracións exixidas polas pagas que desde 2008 perciben dos diferentes Estados nos que traballaron, malia que nunca foran advertidos da obrigatoriedade de declarar esas cantidade ou cando mesmo foran informados de que non eran obrigatorias.

A marcha, que partiu da Alameda ás 11 horas camiño do Parlamento, denunciou o carácter retroactivo co que se aplica a reforma sobre o IRPF aprobada polo Estado e que obriga a todos estes pensionistas que traballaron na emigración a tributar polas súas pensións entre 2008 e 2013 e que implica tamén sancións e xuros por todo o tempo que non tiveran declarado os seus ingresos, malia que ata aquel ano sempre foran exentos ou non advertidos desa obriga. Reclaman que se regularice desde este ano e non con seis anos de atraso.

O número de afectados pode chegar aos 250.000 en Galicia, aínda que os datos que facilitou o Goberno hai pouco falaban de 33.500 pensionistas afectados polas multas e recargos en todo o Estado e unha media de 600 euros de sanción. Moitos destes sancionados estiveron en Santiago. "Somos emigrantes, non defraudadores!", "Queremos xustiza!" ou "Montoro ladrón, vai ti á emigración", berraban nunha multitudinaria manifestación que rematou fronte ao Parlamento, no que centos de xubilados fixeron soar tamén bucinas e á que acudiu o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence.

"Somos emigrantes, non defraudadores!", berraron os pensionistas polas rúas de Compostela

A Axencia Tributaria recoñeceu hai mes e medio que terá que devolver 20 millóns de euros polas sancións, intereses de demora e recargos exixidos a milleiros de emigrantes retornados no conxunto do Estado. Ademais, e malia que anunciara a paralización das multas, Facenda continúa enviando cartas aos emigrantes ata que se complete a reforma do IRPF.

Precisamente, a Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados (CNGER) -que representa o conxunto de plataformas galegas de diferentes comarcas- reclama mudanzas nesa reforma para que os emigrantes reciben un "tratamento igual" que o conxunto de pensionistas do Estado. O caso é que o límite xeral sitúase nos 11.200 euros anuais, polo que todos aqueles pensionistas que entre a pensión de España e a do país onde emigraron superen esa exigua cantidade estarían obrigados a poñerse ao día ao ter dous pagadores. A barreira, no entanto, sitúase nos 22.000 euros para calquera outro pensionista.

Os emigrantes reclaman "un trato igualitario" e que se estableza a obriga de declarar a partir de 22.000 euros ao ano e non os 11.200 actuais

Para corrixir esta situación, a CNEGR solicita que no paquete de modificacións legais que se está a debater no Congreso dos Deputados. Reclaman que "se inclúan as modificacións na Lei 35/2006, necesarias para garantir un trato igualitario" e piden que se mude "o artigo 96 en relación co 17, de tal forma que se estableza a obriga de declarar a partir de 22.000 euros ao ano de ingresos, e que para os restantes se estableza un réxime de retencións idéntico ao do resto das e dos pensionistas do Estado".

Ademais, tal e como adoitan lembrar, a xustiza xa recoñeceu casos de dobre imposición no caso de pensionistas que traballaron nalgúns países, como Alemaña, unha problemática que tamén instan o Goberno central a que solucione.

Os emigrantes retornados seguen a considerarse "discriminados" polo trato que lles dá o Executivo de Mariano Rajoy e sintetizaron as súas demandas nun documento coas reclamacións que pretenden entregar ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Así, exixen "o recoñecemento de oficio das pensións de invalidez que foron aprobadas nos países de procedencia, a revisión dos convenios marco con terceiros países" para evitar que situacións deste tipo poidan repetirse de novo e "a devolución de oficio de todo o pagado e dos seus correspondentes xuros". Tamén reclaman que se "anulen" todos os expedientes sancionadores para que se dea "un tratamento igualitario a partir de 2014", así como que se leve a cabo unha "campaña informativa" que aclare as "obrigas tributarias" do colectivo e que evite os problemas agora causados.

O colectivo pide ao Goberno central "desculpas" e que lles "devolva a honra aos emigrantes retornados"

Do mesmo xeito, os pensionistas solicitan tamén "desculpas" por parte do Goberno español, así como "a devolución da honra aos emigrantes retornados". A protesta, ademais, coincide co debate no pleno do Parlamento galego dunha proposición lexislativa do BNG relativa á tributación das pensións públicas percibidas en Estados nos que existe convenio sobre dobre imposición.

O PP rexeita a proposta do BNG, polo que os emigrantes terán que regularizar a súa situación antes de 2015

A proposición de lei do BNG pretendía a elevación ao Congreso dos Deputados da modificación, sobre a “Reforma da Lei 35/2006, do 28 de decembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e de modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, relativa á tributación das pensións públicas percibidas por persoas emigrantes retornadas de estados cos que existe convenio sobre dobre imposición”.

Non obstante, os 40 votos en contra desta proposición do PP, fronte os 34 do resto dos grupos parlamentarios, impediron que saíra adiante. Deste xeito, o colectivo verase obrigado a regularizar a súa situación coa Facenda española antes de xaneiro de 2015.

>> HABERÁ AMPLIACIÓN

Manifestación de emigrantes retornados en Compostela Dominio Público @obloque
Manifestación de emigrantes retornados en Compostela Dominio Público @obloque

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.