Os equipos de normalización piden á Xunta que "reconsidere" a súa estratexia co galego

Manifestación a prol do ensino en galego CC-BY-NC-SA Queremos Galego

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (Cgendl), que agrupa a máis de 400 equipos e docentes, pídelle á Xunta que cumpra a lei, logo das sentenzas do TSXG que invalidan dous puntos clave do decreto do plurilingüismo, e que aplique os principios xerais da Lei de Normalización, reconsidere a súa estratexia co idioma e "deixe de fomentar preconceptos en contra da promoción social do galego".

A través dun comunicado, que será difundido "masivamente" nos centros escolares galegos, pretende "fixar a posición" dos equipos de normalización "tras as últimas declaracións realizadas nos pasados días polo presidente Feijóo a respecto da política lingüística que pretende seguir o Goberno galego". 

A Cgendl lembra que os usos do galego no ensino "seguen rexidos polo decreto do plurilingüismo" malia as sentenzas do TSXG

Así, a Cgendl lembra que os usos da lingua galega no ensino non universitario "seguen rexidos polo momento polo decreto do plurilingüismo" e, xa que logo, baséanse nos dous principios invalidados pola Xustiza: a consulta ás familias e a posibilidade do alumnado de "empregar o castelán cando a materia que se imparte é en galego", pois é, aclara, nos ámbitos urbanos castelanfalantes "onde se producen as protestas dunha ínfima porcentaxe de discentes e familias por teren que aprender na lingua propia de Galicia que, supostamente, lles é descoñecida".

"A Xunta de Galicia segue teimando en realizar a consulta ás familias malia o ditado polo TSXG", recorda o comunicado, e pide que "non se menosprece a legalidade e pretenda determinar a lingua do ensino en educación infantil a través de ningunha enquisa", tal e como se fixo en cursos anteriores, xa que "non respecta o que formula o artigo 13.1 da Lei de Normalización Lingüística (LNL) nin o establecido no Plan Xeral de normalización da lingua galega (Pxnlg).

Os equipos de normalización denuncian que o Goberno pida "flexibilidade" para permitir aos alumnos usar a lingua que lles pete

A Cgendl advirte que desde a Administración autonómica "estáselle a pedir ao profesorado 'flexibilidade' para que se lle permita ao alumnado empregar a lingua da súa preferencia, é dicir, o castelán" e recordan que "non se pode esquecer que persiste unha situación social de enorme desigualdade entre galego e castelán".

Por todo, a Coordinador pide á Xunta que "reconsidere as estratexias de promoción da nosa lingua" e que "asuma como deber inexcusable as potencialidades que posúe o sistema educativo como axente efectivo tanto para a normalización do galego como para a integración social e comunitaria". Ademais, cre necesario "aplicar os principios xerais da Lei de Normalización (LNL)", sen renunciar ao plurilingüismo, pero garantindo "que o alumnado adquira unha competencia plena en galego ao rematar o ensino obrigatorio".

A Coordinadora pide "aplicar os principios da LNL" e que se "deixen de fomentar" prexuízos contra o galego

Do mesmo xeito, pide ao Goberno autonómico "e aos seus portavoces" que "deixen de fomentar preconceptos en contra da promoción social do galego", xa que "deben actuar con enorme responsabilidade e altura política nun momento moi crítico para a transmisión interxeracional da nosa lingua". Así, reclaman tamén que as autoridades educativas "fomenten sen complexos" a presenza do idioma en calquera materia, nomeadamente nas científicas e tecnolóxicas e que lles permitan "adoptar aos centros aquelas medidas normalizadoras que se adapten ao seu contexto e impliquen, na medida do posible, a toda a comunidade".

O conselleiro de Educación, durante unha visita a un colexio en Ourense © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.