A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (Cgendl) vén de enviar aos partidos políticos que concorren ás vindeiras eleccións do 21 de outubro as súas propostas para que “as teñan en consideración nos seus programas electorais”. As proposicións abranguen o ámbito do ensino, dos propios equipos de normalizción e da sociedade e foron elaborados coas contribucións destes equipos e dos docentes que colaboran co colectivo. Nelas, déixase claro o rexeitamento á política lingüística aplicada polo Goberno de Núñez Feijóo, polo que reclaman a derrogación dunhas medidas que consideran que "marxinan a aprendizaxe en galego e non aseguran a competencia mínima na lingua propia do estudantado galego".
O obxectivo non é outro que “mellorar a situación da lingua galega garantir a competencia plena do alumnado, estender os seus usos ou eliminar os prexuízos que lastran a súa imaxe social”, sempre, como aclara a Cgendl, “dende unha visión construtiva e proactiva e na procura e esixencia de espazos de consenso”, especialmente dirixida á Xunta e a realizar “entre todos os axentes implicados tanto no ensino como no resto da sociedade para lograr estes obxectivos”.
Os equipos de normalización piden a "derrogación" do decreto do galego e a "implantación" da lingua propia en Educación Infantil
Así, a Cgendl reclama xa de principio a “derrogación” do polémico decreto 79/2010 porque, segundo din, “ataca directamente a supervivencia do noso idioma ao facer que moito estudantado galego non acade a competencia mínima na lingua propia de Galicia”. Do mesmo xeito, piden a elaboración dun decreto de “promoción do idioma galego no ensino” a partir do Plan Xeral pola Normalización que, lembran, foi referendado por unanimidade no Parlamento. O obxectivo: “Asegurar que o alumnado remate os seus estudos obrigatorios con plena competencia nas dúas linguas oficiais”.
A Cgendl mostra con claridade o seu rexeitamento á política lingüística instaurada polo Goberno de Núñez Feijóo, polo que reclama tamén a “implantación de liñas de galego en Educación Infantil que posibiliten un ensino na nosa lingua nos primeiros anos de escolarización”, algo que está imposibilitado en numerosas zonas debido a unha enquisa que, lembran, “ademais de enfrontar á sociedade e ser excluínte, marxina a aprendizaxe en galego nos contornos urbanos e semiurbanos a pesar da opinión dunha importante porcentaxe das familias”. Por iso, piden que se elimine ese inquérito do que a Xunta seguen sen dar datos.
"A enquisa en Infantil enfronta a sociedade, é excluínte e marxina a aprendizaxe en galego nos contornos urbanos"
Os equipos de normalización solicitan ao mesmo tempo a implatación progresiva dos Programas Integrados de Linguas, que cren “a única maneira real de que o alumnado aprenda a lingua propia e desde ela adquira outros idiomas”, así como o fomento desde a Xunta da elaboración de recursos didácticos especializados e actualizados para impartir aulas en galego, e do mesmo xeito para o alumnado estranxeiro. En canto ao programa Abalar, reclaman que se dote de materiais en galego para que este “non fique abeirado nas novas tecnoloxías como está a acontecer”.
Alén diso, a Cgendl pide que se recupere o programa Preescolar na Casa e que se reforcen as escolas rurais “cunha axeitada dotación de recursos TIC en galego”. Ademais, reivindican “a implicación de toda a comunidade educativa no proceso de normalización a
través de asesoramento de inspección educativa, campañas específicas ou cursos”, así como a “introdución progresiva do portugués como materia optativa en todos os centros de ensino” para potenciar o coñecemento do galego como porta aberta ao idioma luso, “que tantas saídas laborais e económicas vai ofrecer nos vindeiros anos”.
Os equipos reclaman que se defenda o seu traballo "fronte aos ataques criminalizadores" que sofren "por parte de sectores antidemocráticos"
Por outra banda, no comunicado pídese unha “defensa” dos equipos de normalización fronte “aos ataques criminalizadores que sufrimos e seguimos a sufrir por parte de sectores antidemocráticos que unicamente buscan a desaparición da nosa lingua”. Do mesmo xeito, piden unha promoción real das actividades normalizadores destes equipos porque “precisan sentir que a Adminitración está do seu lado, que os apoia e que impulsa o seu labor”.
Solicitan tamén unha “orientación correcta” do traballo normalizador e que se atendan as súas problemáticas, así como se que se creen e divulguen recursos para o seu traballo. Tamén se reclama o desenvolvemento de programas formativos axeitados para os docentes, promoción do traballo en rede, activación dun plan de actuación da Rede de Dinamización Lingüística para a colaboración dos servizos de normalización cos equipos, a convocatoria das axudas anuais en tempo en forma, a implementación de medidas que faciliten o traballo diario e apoio económico para “unha planificación seria do traballo”.