A situación do estudantado universitario non se atopa no mellor momento. Segundo os datos publicados pola oficina comunitaria de estadística, Eurostat, España é o país no que existe maior porcentaxe de persoas con estudos superiores en risco de pobreza de toda a Unión Europea. Mentras a media de Europa está no 7,3% en España sitúase no 10%.
Mentres o paro xuvenil segue sendo superior ao 50% nas persoas menores de 25 anos, os recortes nas axudas á educación continúan co proxecto de decreto para a regulación de bolsas do ministro Wert. Na Universidade de Santiago de Compostela solicitaron 11.379 alumnos as bolsas MEC, un 44% do total fronte ao 42% no pasado ano. Foron denegadas 4.321, un 15% máis que no pasado curso a pesar de que houbo máis solicitudes. Esta puido ser unha das posibles causas do incremento do número de alumnos en risco de expulsión por impago. A pesar de que son datos provisionais, o caso da Universidade da Coruña é un dos máis chamativos, pasando de 79 a 194 impagos en apenas un ano. “Estamos vendo xa como hai xente que renuncia á matrícula cando chegan ao segundo ou terceiro prazo de pagamento porque non poden asumir o custo. Temos un índice de renuncias un 40% superior ao do ano anterior”, comentaba o reitor da Coruña hai uns meses para Praza. Na Universidade de Santiago pasaron de 314 no pasado curso a 500 no actual e en Vigo produciuse o repunte o pasado ano, chegando a 601 alumnos pendentes de pagos, mentres que este ano descendeu até 476.
Foi denegada a beca de 4.321 estudantes da USC, un 15% máis que no pasado curso a pesar de que houbo máis solicitudes
Ante a problemática, Universidades como a da Coruña ou Vigo crearon fondos para evitar o abandono. A UdC dotará con 115.000 euros o fondo para axudas aos estudantes con problemas económicos. Uns 100.000 euros do total destinaranse directamente en axudas para o pago da matricula tanto parcial como total e terá en conta criterios económicos e académicos. Ademais, a universidade ofrecía a posibilidade de fraccionar en catro cotas o pagamento da matrícula e no próximo curso estará tamén dispoñible esta opción para os alumnos aos que lle sexa denegada a bolsa do ministerio. A comisión de asuntos económicos da Universidade de Vigo tamén habilitou 30.000 euros para aqueles alumnos aos que unha situación imprevista como a perda de emprego dos pais, falecemento dalgún proxenitor ou mesmo a quebra familiar lles impida continuar cos estudos. A contía máxima neste caso será de 2.000 euros por estudante. Ademáis, dá a posibilidade de fraccionar o pago en seis prazos.
"Os estudantes non precisan caridade, precisan xustiza e igualdade de oportunidades"
“É evidente que se están tomando medidas para axudar os estudantes, pero moitas delas son un parche, mentras o Ministerio de Educación non deixe a súa teima cos recortes en educación, continuará o abandono e a precariedade” afirma Paula Sánchez, estudande de Dereito na USC, “os estudantes non precisan caridade”, en referencia ao anónimo que doou 70.000 euros á Universidade de León, “necesitan xustiza e igualdade de oportunidades”.
Ademáis, os universitarios non contarán para o próximo curso coas becas Séneca, así como a desaparición de moitas das bolsas destinadas á investigación e financiadas pola Xunta, como a Isidro Parga Pondal ou Manuel Colmeiro e a reducción das financiadas polo Estado, como a Ramón y Cajal.