Galiza Nova denuncia a "represión policial" e reclama a derrogación da Lei Mordaza

Concentración de Galiza Nova na Coruña, este domingo © Galiza Nova

A organización xuvenil nacionalista levou a cabo esta mañá concentracións nas sete cidades. Nas mobilizacións deste domingo non houbo incidente ningún, o que para Artai Gabiás, secretario xeral de Galiza Nova, é unha mostra de que "cando a policía non intervén non hai problemas"

Galiza Nova levou a cabo na mañá deste domingo concentracións nas sete cidades para denunciar a "represión policial" sufrida na mobilización que o pasado mércores protestou contra a visita de Santiago Abascal, líder de VOX, á Coruña. A organización xuvenil nacionalista reivindica "a resposta da mocidade galega fronte ao fascismo españolista" e esixe "máis dereitos e liberdades públicas" así como a derrogación da Lei Mordaza.

Nas mobilizacións deste domingo non houbo incidente ningún, o que para Artai Gabiás, secretario xeral de Galiza Nova, é unha mostra de que "cando a policía non intervén non hai problemas". "Fica claro quen son os reponsables da violencia. O exemplo de hoxe demostra, máis unha vez, que a sociedade galega é moito máis digna e democrática do que dende fóra da Galiza nos queren dicir que é", engadiu.

Concentración de Galiza Nova en Vigo, este domingo © Galiza Nova

Gabiás tamén subliñou que “se algo queda claro estes días é que a mocidade galega é antifascista e que está nas rúas esixindo máis dereitos, como a vivenda, e liberdades públicas"

Galiza Nova volveu denunciar "a actuación desproporcionada" da policía durante as mobilizacións do pasado mércores "con cargas nas que se empregaron porras, pelotas de goma, gas lacrimóxeno e gas pementa, provocando persoas feridas, entre elas militantes de Galiza Nova, ademais de detencións". A organización considera que estes feitos "volven poñer enriba da mesa a necesidade de derrogar a Lei Mordaza, unha norma que contribúe a limitar as liberdades de expresión, reunión e manifestación". 

Gabiás tamén subliñou que “se algo queda claro estes días é que a mocidade galega é antifascista e que está nas rúas esixindo máis dereitos, como a vivenda, e liberdades públicas” e que "a sociedade galega non está disposta a aceptar a normalización dos discursos de odio e as ideas reaccionarias no noso país".

Concentración de Galiza Nova en Santiago, este domingo © Galiza Nova

En relación á querela presentada por Vox, o secretario xeral de Galiza Nova sinala que “estamos orgullosos de que unha organización racista, machista, homófoba e ultraespañolista, que alimenta o odio e ataca a nosa lingua, a nosa cultura e a nosa identidade nacional, nos teña como inimigos. Non nos van intimidar con denuncias nin coa represión: imos seguir organizando a mocidade e defendendo unha Galiza ceibe e antifascista”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.