Os grupos ecoloxistas denuncian que a Xunta recunca nunha política forestal errónea

Roteiro nos montes do Morrazo © Colectivo Nacionalista de Marin

Todos os veráns, tamén este, cando os montes de moitas zonas de Galicia son arrasados polo lume, repítese que os incendios se apagan durante o inverno, mediante unha axeitada política forestal, medidas de prevención e limpeza, e no marco dunha estratexia global para o rural galego. Porén, ano tras ano incórrese nas mesmas políticas, erradas segundo grupos ecoloxistas e sindicatos agrarios, e semella que este vai ser o caso novamente. A Sociedade Galega de Historia Natural e Amigos da Terra veñen de alertar de que o decreto de aproveitamentos en montes e terreos forestais que prepara o Goberno galego "non procura o desenvolvemento social, ecolóxico e económico sustentable do monte e o medio rural galego" e non contribúe a fixar poboación no rural.

O decreto "non procura o desenvolvemento social, ecolóxico e económico sustentable do monte e o medio rural galego" e non contribúe a fixar poboación no rural

Ademais, sinalan que a tramitación do decreto amosa "a falla de vontade da Consellería do Medio Rural e o Mar para procurar e facilitar a participación pública", posto que só se concederon 15 días hábiles para presentar alegacións e non se someteu á consideración do Consello Forestal Galego nin do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. Entre outros aspectos, a SGHN denuncia que o decreto "non fai mención á protección dos hábitats de interese ou conservación prioritaria na Unión Europea", e tampouco fai consideración ningunha "ás especies de flora e fauna ameazadas, nin a flora e fauna en xeral na época reproductiva, ás canles e a vexetación de ribeira ou ao patrimonio cultural presente nos montes". 

Sinalan que a tramitación do decreto amosa "a falla de vontade da Consellería do Medio Rural e o Mar para procurar e facilitar a participación pública"

Para Amigos da Terra, pola súa banda, o borrador do decreto "non deixa de ser unha declaración de boas intencións sen contido concreto e sen un articulado axeitado que cumpra cos criterios mínimos do que ten que ser unha xestión sustentable dos nosos montes, do fomento da multifuncionalidade dos ecosistemas forestais, ou de atopar o camiño que axude a fixar poboación no rural mediante o desenvolvemento socioeconómico ligado a xestión sustentable dos montes de Galicia". Ademais, sinalan que o decreto que se pretende aprobar "só se preocupa de facilitar os tramites administrativos para a explotación dos recursos madeireiros", e non ten en conta "a biodiversidade, o fomento e a creación de emprego, a conservación e a protección dos ecosistemas forestais e a biodiversidade, a conservación de elementos etnográficos-culturais, a creación dunha mínima cultura silvícola". Tamouco non recolle "unas esixencias mínimas que se deben esixir para podas ou aproveitamento de leñas, non recolle nada que regule os tratamentos imprescindibles en árbores adicados a produción de froito…".

Xestión dos espazos naturais protexidos

Este mesmo xoves, así mesmo, os colectivos integrantes da Federación Ecoloxista Galega, a Sociedade Galega de Historia Natural e a Sociedade Galega de Educación Ambiental veñen de presentar unha queixa ante o Valedor do Pobo pola non celebración das obrigadas reunións das xuntas consultivas dos parques naturais e do Observatorio Galego de Educación Ambiental durante o ano 2012. Denuncian que este comportamento da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, "ademais de contrario á lexislación en materia ambiental, supón unha merma dos dereitos de representación e información que asisten aos colectivos ecoloxistas e, por extensión, ao conxunto da cidadanía".

A pesar da relevancia destes órganos de cara a unha axeitada participación pública na xestión dos espazos naturais protexidos, durante o ano 2012 non se celebraron as pertinentes reunións con carácter ordinario en cinco dos órganos: Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, Parque Natural das Fragas do Eume, Parque Natural de O Invernadoiro, Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés e Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra.

Roteiro nos montes do Morrazo © Colectivo Nacionalista de Marin

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.