Os insectos polinizadores achéganlle máis de 130 millóns de euros anuais á agricultura galega

Abellas mortas preto de Xátiva (Valencia) © COAG

Xosé Veiras publica no blog Un claro no bosque unha análise da importancia económica das abellas para as producións agrarias, na que critica os efectos dos insecticidas nas abellas, e defende a agricultura ecolóxica.

Son moitas as ameazas para a soberanía alimentar e a conservación da biodiversidade en Galicia e no resto do mundo. Unha das máis preocupantes é o declive das abellas e outros insectos polinizadores. Segundo a Asociación Galega de Apicultura, a mortandade anual das abellas melíferas en Galicia pasou dun 9-10% anual a un 30-40%. A polinización é  fundamental non só nos ecosistemas naturais senón tamén na agricultura. Paradoxalmente, a agricultura, ao se industrializar, converteuse nunha das causas principais da desaparición progresiva dos insectos polinizadores dos que depende.

A polinización é fundamental non só nos ecosistemas naturais senón tamén na agricultura. Paradoxalmente, a agricultura, ao se industrializar, converteuse nunha das causas principais da desaparición progresiva dos insectos polinizadores dos que depende

Un 90% das plantas silvestres con flores necesitan de insectos que as polinicen para dar sementes e froitos. A maioría dos cultivos  dependen en maior ou menor medida da polinización. Para algúns, como o kiwi, a cabaza, a cabaciña e o melón, é tan esencial para a maioría das súas variedades que, sen animais polinizadores, a produción redúcese máis dun 90%.

A polinización é un dos servizos básicos para o benestar humano que a natureza nos proporciona de balde. Son moitas as especies animais polinizadoras, mais entre elas destacan os insectos, nomeadamente os himenópteros, isto é, abellas, abesouros, avespas e formigas. Na Península Ibérica viven unhas 9.500 especies de himenópteros polinizadores. É cada vez máis valorado o importante papel das abellas melíferas na polinización, mais todos os polinizadores, incluídas as abellas silvestres, son fundamentais para a manutención dos hábitats naturais e a produción alimentaria.

 

A polinización, un servizo impagábel da natureza

Para nos decatarmos mellor da súa importancia, a miúdo ignorada ou menosprezada polo simple feito de non ser valorada polo mercado, pode ser de utilidade estimar o seu valor monetario

A polinización é un dos servizos de regulación dos ecosistemas. O seu valor é inmenso e non se pode reducir a cifras monetarias. Mais para nos decatarmos mellor da súa importancia, a miúdo ignorada ou menosprezada polo simple feito de non ser valorada polo mercado, pode ser de utilidade estimar o seu valor monetario, en concreto para a agricultura.  É o que vén de facer Greenpeace para as diferentes comunidades autónomas do Estado español,  baseándose nunha metodoloxía proposta pola FAO.

Segundo o informe Alimentos bajo amenaza, a polinización por insectos supuxo para a agricultura galega un valor monetario de máis de 130 millóns de euros en 20111. Unha cifra conservadora, pois no cálculo excluíronse os cultivos que non consumimos directamente (forraxes, prados) e as hortas familiares. As producións galegas máis vulnerábeis á perda de insectos polinizadores son as de kiwi, castaña e mazá. O mel “podería verificar unhas perdas de produción importantes perante o declive das abellas melíferas”.  Galicia é a quinta comunidade autónoma española máis vulnerábel á perda de insectos polinizadores.

 

Os insecticidas están acabando cos insectos polinizadores

A polinización por insectos supuxo para a agricultura galega un valor monetario de máis de 130 millóns de euros en 2011

A progresiva desaparición de abellas e outros insectos polinizadores obedece a un conxunto de causas diversas que actúan de xeito conxunto ou illado: perda de hábitats, parásitos e doenzas, especies exóticas invasoras, mudanza climática e prácticas da agricultura e a silvicultura convencionais, en particular o uso de praguicidas.

En 1994, o sector apícola denunciou por primeira vez os prexuízos para as abellas detectados en Francia por causa do uso dun  insecticida de tipo neonicotinoide. Tiveron que pasar case dúas décadas para que a UE prohíbise catro insecticidas perigosos para as abellas melíferas. Unha prohibición serodia, temporal (en principio por só dous anos) e con excepcións,  ás que se acolleu o Goberno español para autorizar recentemente o uso de dous deles durante 120 días en determinados cultivos (o do fipronil no cultivo de patacas e o do tiametoxam no de mangas).

A prohibición decretada pola UE é un avanzo, mais cómpre non esquecer que 319 dos 2.400 insecticidas rexistrados no Estado español son demostradamente perigosos para as abellas

As abellas e outros insectos polinizadores están hoxe expostas a un coctel químico tóxico que provoca mortandades masivas, alén de efectos subletais e crónicos. A prohibición decretada pola UE é un avanzo, mais cómpre non esquecer que 319 dos 2.400 insecticidas rexistrados no Estado español son demostradamente perigosos para as abellas, como se indica nas súas propias fichas. Os máis preocupantes son sete, entre os que se achan os catro afectados pola prohibición europea. A restrición do seu uso é prioritaria.

Entre 1990 e 2010 o consumo de insecticidas en España incrementouse nada menos que nun 56% (en kilos de ingrediente activo). Non fomos capaces de atopar datos para Galicia, mais é seguro que tamén no noso país o incremento do seu uso foi importante no mesmo período. O indicador sobre o consumo de produtos fitosanitarios (insecticidas, funxicidas, herbicidas e outros) incluído entre os indicadores ambientais do Sistema de Información Ambiental da Xunta, apunta unha tendencia ao aumento desde 1997 até 2010, atinxíndose o cénit en 2008.

 

A agricultura ecolóxica é a solución

Entre 1990 e 2010 o consumo de insecticidas en España incrementouse nada menos que nun 56% (en kilos de ingrediente activo)

A xuízo de Greenpeace, a defensa da polinización pasa, en último termo, por facer da agricultura ecolóxica o modelo predominante de agricultura. Por iso, defende o estabelecemento dunha folla de rota para “incrementar a 7,6 millóns de hectáreas (o 30% da superficie agrícola española) a superficie adicada á agricultura ecolóxica en 2020, e para que antes do 2050 a agricultura en España sexa 100% ecolóxica”. En Galicia, a superficie inscrita no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica ascende a 15.671 hectáreas (2013), das cais unha parte son terreos  forestais. A superficie agraria dedicada á produción ecolóxica representa tan só pouco máis do 1% da total.  

A xuízo de Greenpeace, a defensa da polinización pasa, en último termo, por facer da agricultura ecolóxica o modelo predominante de agricultura

Greenpeace lanzou unha ciberacción para demandar ao Goberno estatal que protexa as abellas e apoie decididamente a agricultura ecolóxica. Unha campaña desenvolvida en 2012 por diversas organizacións galegas, que incluiu tamén unha recolla de sinaturas na internet, conseguiu paralizar a fumigación de eucaliptais cun insecticida prexudicial para as abellas. A organización ecoloxista anima tamén a consumirmos produtos ecolóxicos, locais e de temporada. Así, estaremos coidando da nosa saúde e axudando a fomentar a soberanía alimentar e un modelo de agricultura sustentábel.

 

Nota

1. O valor económico da polinización por insectos calcúlase a partir do valor económico total do cultivo –que depende do prezo do productor e da produción- e reflite a parte do prezo das colleitas que se atribúe a este tipo de polinización.

A apicultura dá traballo a case catro mil persoas en Galicia © AGA
Dominio Público Praza Pública
Consumo de produtos fitosanitarios en Galicia © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.