Os inspectores en folga alertan de que "a maioría de praias contaminadas séguense usando"

Contorna do Regueiro, en Bergondo, unha das áreas non aptas para o baño © Turgalicia

O persoal da inspección de saúde pública de Galicia está en folga dende o pasado maio para "reivindicar melloras na xestión da sanidade ambiental". Dende o inicio das mobilizacións, sustentada nas principais organizacións sinciais (CC.OO., CIG, UGT e CSI-F), vén lanzando diversas alertas para facer ver o que consideran mostras de "pasividade" da Xunta neste eido. A última está vinculada á contaminación en diversas zonas de baño do país que, aseguran, "seguen a ser utilizadas" por bañistas malia non seren "aptas" e mentres o Goberno galego se centra en publicitar as zonas de baño ás que se lles outorgou bandeira azul.

A finais do pasado maio a Axencia Europea do Medio Ambiente facía público o seu informe anual sobre a calidade das augas de baño e volvía outorgar cualificación de "excelente" a unha amplísima parte da costa e dos cauces fluviais de Galicia, se ben situaba unha trintena de 'puntos negros' en territorio galego, máis da metade dos 52 identificados no Estado. "Segundo a normativa actual -subliñan os inspectores- as praias nas que se detecte unha calidade de auga insuficiente durante cinco anos, son excluídas automaticamente do censo oficial", isto é, o baño fica "prohibido permanentemente" e as autoridades deben "informar aos bañistas desta prohibición".

A Comisión Europea sinala unha trintena de praias marítimas e fluviais en Galicia como non aptas para ao baño por estaren contaminadas

Así e todo, este persoal dependente da Xunta asegura que boa parte das praias marítimas e fluviais de Galicia sinaladas no informe europeo "seguen a ser frecuentadas polos bañistas con total normalidade". Ademais, acrecentan, "a maioría destas praias non contan cos preceptivos carteis que indiquen a prohibición do baño, polo que os usuarios descoñecen os graves riscos aos que se expoñen".

Estas alertas e riscos foron explicitadas polos inspectores o pasado 1 de xuño, cando a Xunta celebrou en Oleiros a entrega das bandeiras azuis, os distintivos que concede a Federación para a Educación Ambiental en Europa e que dende 1999 non contan co apoio da Comisión Europea por carecer, precisamente, de rigor no que atinxe á certificación da calidade ambiental das praias. Mentres o Goberno galego repartía os distintivos azuis, os inspectores distribuíron unhas simbólicas "bandeiras negras".

A intención deste persoal, que segue a acusar a Xunta de boicotear a súa mobilización, é facer ver a necesidade de que as praias nas que o baño non está permitido sexan sinalizadas ao respecto. Así, afirman, o Goberno galego e o resto de institucións evitarían en maior medida os riscos para a saúde que implica bañarse en augas contaminadas.

Contorna do Regueiro, en Bergondo, unha das áreas non aptas para o baño © Turgalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.